Xustiza

Imanol Arias e Ana Duato, no banco dos acusados: a Audiencia Nacional xúlgaos por unha fraude fiscal millonaria

Imanol Arias e Ana Duato, nun fotograma da popular serie de televisión 'Cuéntame'. (Foto: RTVE)
Anticorrupción reclama para Duato 32 anos de cárcere e 27 para Arias. Pola súa parte, a Avogacía do Estado, que representa á Axencia Tributaria no procedemento, pide similares penas: 28 anos para ambos os dous e multas que suman aproximadamente 16 millóns de euros.

A Audiencia Nacional comeza esta terza feira a xulgar o 'caso Nummaria', que levará ao banco de acusados o actor Imanol Arias e a actriz Ana Duato, xunto a outra trintena de acusados, por presuntos delitos contra a Facenda Pública. A Fiscalía Anticorrupción e a Avogacía do Estado solicitan arredor de 30 anos de cárcere para ambos os intérpretes e tamén para o produtor da serie Cuéntame cómo pasó e marido de Duato, Miguel Ángel Bernardeu, e mais a irmá do actor, Ana Isabel Arias Domínguez, por presuntamente evadiren impostos a través dun despacho de avogados —Nummaria— dedicado supostamente a construír e manter unha estrutura xurídico-económica destinada a tal fin.

En concreto, Anticorrupción reclama para Duato 32 anos de cárcere e 27 para Arias. Pola súa parte, a Avogacía do Estado, que representa á Axencia Tributaria no procedemento, pide similares penas: 28 anos para ambos os dous e multas que suman aproximadamente 16 millóns de euros.

Fianzas solidarias de máis de dous millóns

Segundo un calendario provisional elaborado polo tribunal, espérase que a vista oral se prolongue até o mes de setembro durante aproximadamente 24 sesións. No auto de apertura de xuízo oral, acordado en xullo de 2020, o titular do Xulgado Central de Instrución número 2, Ismael Moreno, impuña a Duato unha fianza solidaria —xunto con outros tres acusados— de máis de 2,5 millóns de euros en orde á eventual indemnización á Facenda Pública polo IRPF defraudado correspondente aos anos 2010, 2011, 2012, 2014, 2015, 2016 e 2017.

En canto a Arias, o maxistrado impúñalle tamén unha fianza solidaria xunto con outros seis acusados por valor de algo máis de 2,4 millóns de euros polo IRPF deixado de abonar entre os anos 2010 e 2015.

"Manter oculto o patrimonio acumulado"

O xuíz Moreno concluíu que o despacho Nummaria creou unha estrutura de sociedades "cuxa única finalidade era a de evitar a tributación dos ingresos xerados pola súa actividade profesional e manter oculto o patrimonio acumulado dos beneficios que esta lles xerou". O escrito de acusación do Ministerio Público diríxese tamén contra catro entidades como responsábeis civís e coloca no centro da trama para evadir impostos o propietario do despacho, Fernando Peña.

Segundo Anticorrupción, Peña, "co fin de evitar que as actividades ilícitas que realizaba" baixo a cobertura da asesoría fiscal fosen detectadas, creou un armazón de sociedades españolas á vez que controlaba múltiples sociedades en Inglaterra, Costa Rica, Canadá, Uruguai ou Luxemburgo. Esas sociedades —máis de 200— eran empregadas "tanto para facilitar a opacidade das operacións do despacho Nummaria como para entregalas aos clientes que desexaban empregalas para a realización das actividades ilícitas" investigadas na causa.

Esa opacidade era buscada tanto fronte á Facenda Pública como fronte a outras terceiras persoas físicas e xurídicas que ostentaban algún dereito de crédito contra os procesados. "Os integrantes do despacho eran conscientes de que esas estruturas ían ser utilizadas para realizar actividades delituosas", subliña o Ministerio Público.

Engade o escrito que as estruturas societarias creadas eran practicamente idénticas para todos os clientes afectados do bufete Nummaria e a finalidade das mesmas na maior parte dos casos era evitar a tributación polo Imposto de Sociedades ou o IVE das sociedades operativas españolas ou, no caso das persoas físicas, polo IRPF.

Fraude de seis e sete anos

En concreto, para o actor Imanol Arias, Nummaria creou unha estrutura que lle permitiu ocultar ao fisco parte das súas rendas, principalmente procedentes da súa participación na serie de televisión Cuéntame cómo pasó. De acordo co escrito de Anticorrupción, as cotas presuntamente defraudadas no seu IRPF ascenderían a 2,7 millóns de euros. Por este motivo, ao actor impútanselle en total seis delitos contra a Facenda Pública, todos eles referidos ao pagamento do IRPF dos anos comprendidos entre 2010 e 2015, ambos incluídos.

Pola súa parte, segundo o escrito de Fiscalía, a actriz Ana Duato defraudou a cantidade de 1,9 millóns de euros a Facenda, e impútanselle sete delitos fiscais relacionados tamén co IRPF. No seu caso en dous períodos: o de 2010-2012 e o comprendido entre 2014 e 2017.

En canto ao 'cerebro' do armazón, Fernando Peña, que defraudaría até 15,7 millóns de euros, a Fiscalía acúsao de 68 delitos polos que se lle piden 298 anos e 9 meses de prisión. Entre eses delitos sitúanse os de organización criminal, de estafa procesual, un delito de falsidade de documento mercantil, dous delitos de insolvencia e decenas contra a Facenda Pública. Segundo Anticorrupción, para controlar o sistema que permitía a clientes como Arias e Duato defraudar o pago de impostos, o responsábel de Nummaria contou co seu fillo Pedro Ángel Peña Bello e os xefes de departamento José Luis Álvarez García (fiscal), Pedro Mena Regodón (contábel) e Francisco Javier Gómez Gutiérrez (xurídico), quen, de acordo ao instruído, "actúan coordinadamente baixo a xefatura de Fernando Peña e con repartición entre eles de funcións, mantendo a súa ilícita actividade de forma permanente polo menos desde o ano 2005".

O sistema que utilizaban mantiña en moitos casos oculta a titularidade das sociedades, o que evitaba continxencias fiscais por IRPF, así como as asociadas á repartición de beneficios desde as sociedades aos seus accionistas (dividendos e asimilados) ou posíbeis ganancias de patrimonio non xustificadas derivadas da tenencia e/ou achegas de capital vía ampliacións ou préstamos desde as persoas físicas ás sociedades operativas, segundo explica o instrutor.

Para conseguilo, evitaban que a facturación a clientes fixésese desde as sociedades operativas, desprazando dita facturación cara a sociedades sometidas ao réxime de atribución ou imputación de rendas, que finalmente conseguen simular a saída do Estado español das rendas sen tributación algunha no país.