Audiencia Provincial desestima a petición da familia Franco de 81 anos de cárcere para os ‘9 da Casa Cornide’

Toma simbólica da Casa Cornide na Coruña por militantes do BNG
Os 9 militantes nacionalistas ocuparan simbolicamente en setembro de 2017 este inmóbel propiedade pola familia do ditador e situado na cidade vella coruñesa. 

A Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso de apelación presentado no seu día pola familia Franco contra os 9 activistas que en setembro de 2017 ocuparon na Coruña a ‘Casa Cornide’, propiedade da familia do ditador. Nese recurso, os Franco solicitaban por aquela acción simbólica 9 anos de cárcere para cada un destes nove militantes do BNG, así como 24.000 euros de indemnización.

Entendían que naquela acción na que se reivindicaba a devolución ao pobo da Coruña deste inmoble situado na cidade vella estes activistas incorreran en delitos de vulneración de morada, desobediencia contra a autoridade, así como delitos de odio e contra o honor.

Porén, a Audiencia Provincial desestima o recurso nun auto, pois do texto da faixa exhibida non pode desprenderse ningún delito de odio, e que a persoas que moraba na casa Cornide non presentou demanda algunha. Esta resolución é firme e non cabe recurso.

Os 9 acusados son: Armando Carril, Elvira Blanco, Carolina Fernández, Andrés López, Salvador González, Manuel Francisco Méndez, Óscar Calvo e o devandito Bieito Lobeira. Todos eles ascenderon até o balcón. Tamén é obxecto da denuncia —por achegarlles a escaleira- Daniel Carballada.

A Casa Cornide é un antigo edificio señorial situado no casco vello da Coruña diante da Colexiata de Santa María do que se encaprichou Carmen Polo, a muller de Franco, e que en 1962 foi levada a poxa polo propietario, o Concello da Coruña. A poxa gañouna un personaxe clave no espolio de bens públicos e privados na Coruña e contorna iniciado nos anos da guerra e continuado durante toda a ditadura: Pedro Barrié de la Maza. Daquela, a comezos dos sesenta, o réxime franquista mudara un tanto o método de latrocinio. Facíao a través do aparato administrativo. Todo legal até que chegaba a mans dos Franco.