Coronavirus Galiza: As aulas terán que facer corentena a partir de 5 positivos entre o alumnado

Unha sanitaria disfrazada atende na campaña de vacinación pediátrica. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Ao tempo que se suprime o illamento para menores de 12 anos en adiante que sexan contacto estreito dun positivo, a Comisión de Saúde Pública acorda que cando se confirmen até cinco persoas contaxiadas polo virus nunha aula esta terá que ser fechada temporalmente.

A Comisión de Saúde Pública, da que forman parte o Ministerio de Sanidade e representantes dos diferentes territorios do Estado español, vén de acordar que as aulas farán corentenas sempre e cando teñan 5 persoas contaxiadas da Covid-19 ou máis do 20% das persoas que forman parte das mesmas.

Ao estipular que non haberá illamento cando haxa até 4 positivos por coronavirus -ou menos dese 20%- o que se pretende, segundo aseguraron as autoridades sanitarias é "garantir a presencialidade nas aulas".

Así, a medida de fechar cada clase levaríase a cabo cando haxa 5 casos ou máis coa infección activa nun período igual ou inferior a 7 días.

Fontes do Ministerio de Sanidade aclararon que a Comisión aprobou unha Adaptación das Medidas de Prevención fronte á Covid-19 en centros educativos e da Guía de Actuación ante a Aparición de Casos en centros educativos.

"Os cambios marcados van dirixidos a garantir e fomentar o máximo posíbel" que haxa asistencia en todos os niveis educativos.

Neste sentido, afirmaron que se vai reforzar e pór especial control no cumprimento de todas as medidas de prevención para reducir o risco de contaxios.

Consideran que a modificación acordada responde perfectamente á situación actual da pandemia (malia vivir a sexta onda e un incremento elevado de novos casos) e "reflicte tamén o importante avance da vacinación en todos os grupos de idade".

Mesmo refírese aos centros escolares como "espazos seguros" tirando da hemeroteca desde que comezou a crise sanitaria en marzo de 2020.