Aumenta o número de consultas por TDAH e trastornos do comportamento: "O diagnóstico require coñecemento clínico e sensatez"

O movemento marca boa parte dos síntomas ligados á hiperactividade. (Foto: Yavdat).
Este sábado conmemórase o Día Internacional do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade que afecta un 5% das crianzas.

TDAH son as siglas do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade, unha condición do neurodesenvolvemento que afecta arredor de 5% da poboación infantil. Diferentes estudos sitúan o rango máis alto na contorna de 12%, mentres o Sergas, de acordo coas cifras de diagnóstico e prescrición de fármacos asociada, sitúa nun 3% a prevalencia do TDAH na Galiza.

Así o indica a Nós Diario a psicóloga clínica Melania Beceiro, especialista na unidade de saúde mental infanto-xuvenil da área sanitaria de Ferrol. "Se hai un trastorno hai que diagnosticalo. Iso pode levar tempo e require ter en conta todos os factores implicados". Hai que fiar moi fino, di a experta, "desde o coñecemento clínico e a sensatez".

Se un rapaz ten dificultades na aula pero no seu equipo de fútbol e na casa non manifesta os mesmos problemas non podemos dicir que é un TDAH

Para empezar, o TDAH exixe que se dean unha serie de indicios de inatención ou de hiperactividade e impulsividade. "Falamos de inatención cando a unha persoa lle custa prestar atención aos detalles, é descoidada ou ten dificultades para seguir unha serie de instrucións cando ten que facer unha tarefa; perde cousas, distráese facilmente con estímulos externos.

A hiperactividade ten máis que ver co movemento: son persoas que xogan coas mans, levántanse constantemente, falan en exceso, corren, trepan; máis do esperado para a súa idade. Esa sensación de que teñen un motor interno e non poden parar".

Sanidade, escola e familia

Estas dúas grandes categorías de síntomas poden darse por xunto, de forma combinada, ou prevalecer unha sobre a outra. "En calquera caso teñen que estar presentes na vida da persoa antes dos 12 anos e teñen que causarlle dificultades en máis dun ámbito da súa vida. Un rapaz inquieto que aproba, ten amigos, que na casa está ben e goza do seu ocio non ten un trastorno, ten unha forma de ser. De igual maneira, se un rapaz ten dificultades na aula pero no seu equipo de fútbol e na casa non manifesta os mesmos problemas, non podemos dicir que é un TDAH".

A escola é o espazo perfecto para observar a clínica do TDAH

Melania Beceiro insiste en que un diagnóstico rigoroso require ter en conta o desenvolvemento evolutivo das crianzas e tamén o seu contexto particular, o seu momento vital e outros factores piscolóxicos ou ambientais  para evitar o sobrediagnóstico e non caer no infradiagnóstico dun trastorno que cada vez ten máis demanda como motivo de consulta.

A escola, sinala a psicóloga clínica, é o espazo perfecto para observar a clínica do TDAH, xunto ás familias. Neste sentido existe un protocolo común asinado por Sanidade e Educación que busca "intervir da forma máis correcta" en cada caso. "Cando na escola hai unha sospeita elaboran un informe psiopedagóxico co que as familias acoden ao Sergas para determinar se existe TDAH".

Contar cun diagnóstico clínico é fundamental para rapazada, "que merece entender que lle pasa e merece o mellor tratamento", pero a nivel académico, precisa Beceiro, "os equipos específicos de orientación aseguran que non fai falta un diagnóstico clínico para adaptarse e atender as necesidades educativas da cativada. Se unha crianza ten unha necesidade ten que ter axuda, haxa ou non haxa diagnóstico, se ben tanto á parte sanitaria como á educativa nos preocupa que todo diagnóstico teña a súa recompensa en forma de recursos específicos para a súa realidade educativa". 

Un tratamento individualizado para un cerebro diferente

O TDAH ten tratamento e é "totalmente individualizado", tanto farmacolóxico como psicolóxico. "Hai que analizar moi ben que vantaxes lle pode achegar a cada persoa un e outro e adaptalo, favorecendo a intervención coas familias e tratando de minimizar a prescrición de fármacos só aos casos en que é necesaria", precisa Beceiro, quen apunta "comorbilidade" con outros problemas de comportamento e trastornos de aprendizaxe, de ansiedade ou afectivos, "porque é  un esforzo estar no mundo cando tes un cerebro con estas características".