Aumentan a dous os detidos polo asasinato de Yoel Quispe na Coruña

Familiares e amizades despediron a Yoel esta cuarta feira no cemiterio coruñés de Feáns. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Da investigación, fíxose cargo o equipo a Unidade de Delincuencia Organizada e Violenta (UDEV) do corpo de policía. Trátase do mesmo equipo que se encargou do caso de Samuel Luiz, asasinado tras unha brutal malleira, en xullo de 2021, no paseo marítimo coruñés.

Os detidos polo apuñalamento mortal dun mozo na Coruña na madrugada do día de Noiteboa elévanse a dous, segundo informou a Delegación do Goberno español na Galiza, que precisou que non se descartan máis arrestos.

Foi tras unha primeira detención esta madrugada, a dun mozo coruñés de 21 anos, como resultado dunha investigación que segue en marcha e na cal se está traballando na identificación "doutras persoas implicadas".

Así o ratificou tamén, en declaracións aos medios de comunicación, a subdelegada do Goberno estatal na Coruña, María Rivas, que incidiu en que se traballa na identificación "de todas aquelas persoas que poidan ter algunha relación co caso", sen descartar a posibilidade doutras detencións ante a posíbel vinculación de máis persoas.

Ademais, precisou que dos arrestos informouse á familia do mozo falecido, Yoel Quispe, de 22 anos.

Investigación

Da investigación, fíxose cargo o equipo a Unidade de Delincuencia Organizada e Violenta (UDEV) do corpo de policía. Trátase do mesmo equipo que se encargou do caso de Samuel Luiz, asasinado tras unha brutal malleira, en xullo de 2021, no paseo marítimo coruñés.

Para reclamar xustiza por Quispe e en recordo ao seu achegado e coñecido, houbo o día de Nadal unha concentración no lugar onde se produciu o apuñalamento, no inicio da rúa Sinfónica da Galiza, en confluencia con Juan Flórez.

Xa no enterro, esta cuarta feira numerosas persoas que acudiron ao cemiterio de Feáns asistiron con silencio, caras de tristeza e visíbeis mostras de dor para despedir Yoel.

Do sucedido, o servizo de emerxencias 112 tivo constancia tras chamar un particular, sobre 06.35 horas do día de Noiteboa, informando de que había un home apuñalado.

Ao lugar desprazáronse servizos de Urxencias Sanitarias 061 e efectivos da policía local e da nacional. O mozo recibiu dúas puñaladas, unha no abdome e outra no corazón, que lle provocou a morte, durante unha pelexa.