Covid: aumentan lixeiramente os contaxios e as infeccións activas

Dúas crianzas despois de recibir a vacina na cidade da Cultura, en Santiago, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Redúcese a presión hospitalaria.

As infeccións activas na Galiza volven ascender lixeiramente, con 174 máis nas últimas horas, que deixan o total de casos nos 17.107. Aumentan tamén os contaxios, con 1.933 máis que na xornada anterior. A presión hospitalaria, pola súa banda, baixa e rexistra tres pacientes menos, 417. A taxa de positividade sitúase en 17,21%.

Isto é o que se desprende dos datos actualizados polo Servizo Galego de Saúde este sábado, con rexistros de até as 18 horas da sexta feira, e recollidos por Europa Press. Así, dos 417 ingresados, 387 permanecen hospitalizados en unidades convencionais (catro menos) e 30 en UCI (un máis).

No que respecta ás áreas sanitarias, a de Ourense conta con 61 pacientes en planta e tres en coidados intensivos; a da Coruña, con 88 hospitalizados en unidades convencionais e seis en UCI; a de Pontevedra, con 55 ingresados en unidades convencionais e catro en críticos; mentres que a de Ferrol rexistra 34 pacientes en planta e dúas en UCI. O distrito sanitario de Santiago, pola súa banda, conta con 69 pacientes en planta e oito en críticos; o de Lugo, con 37 ingresados en unidades convencionais e tres en UCI; e o de Vigo, con 43 hospitalizados en planta e catro en unidades de coidados intensivos.

Doutra banda, os novos contaxios rexistran outra xornada de ascenso, con 1.933 casos máis nas últimas 24 horas -139 máis que a xornada anterior-. Así, a Galiza alcanza os 504.943 contaxiados desde que se iniciou a pandemia.

Segundo os datos actualizados polo Ministerio de Sanidade, a Incidencia Acumulada sitúase na Galiza nos 722,50 casos por cada 100.000 habitantes. A media estatal está nos 463,15.

Ao rexistrarse máis contaxios (1.933) que altas (1.756), e ao que se suman tres falecementos nas últimas horas, as infeccións activas aumentan este sábado, aínda que o fan lentamente. Rexístranse 174 máis que na xornada anterior, co que se alcanzan os 17.107 casos activos.

Sanidade notificou tres falecementos máis que elevan a 3.121 os óbitos por covid. Un dos falecementos corresponde ao 2 de marzo, unha muller de 83 anos na área sanitaria de Ferrol; mentres que os outros dous son do día 3 de marzo, dous homes da área de Vigo, de 84 e 71 anos. Todos presentaban patoloxías previas.