As queixas ao Defensor do Pobo aumentaron na Galiza
As queixas trasladadas pola poboación galega ao Defensor do Pobo rexistraron un lixeiro aumento en 2022 en comparación con 2021, pasando de 1.159 a 1.260, unha cifra que representa 4,13% das recibidas a nivel estatal. Así se revela no informe publicado onte no que se recollen, entre outras cuestións, recomendacións á Xunta en materia de dependencia ou de reposición de funcionarios e funcionarias xudiciais, así como propostas para a mellora dalgúns servizos.
No que se refire aos expedientes de queixas, tamén a nivel estatal, como ocorre na Galiza, contabilizouse un aumento pasando de 28.047 en 2021 a 30.481, en 2022. En canto ás queixas, as principais teñen que ver con seguridade social e emprego e a Administración de Xustiza. Outras están relacionadas co emprego público, asuntos de Interior, educación, sanidade ou vivenda, entre outras.
Con respecto ás procedentes dos defensores e defensoras do pobo das autonomías, rexistráronse un total de 1.786, das cales 255 corresponden a Galiza.
Segundo recolle o informe, o Defensor do Pobo instou a Xunta da Galiza a tomar medidas para axilizar a taxa de reposición e cobertura das vacantes e baixas dos funcionarios "en orde a evitar que afecten ao funcionamento ordinario dos xulgados e tribunais".
Informes a xulgados
Entre as demandas do Defensor do Pobo, está que a Xunta valore a posibilidade de que tanto o Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) como a Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago poidan emitir informes psicosociais solicitados polos tres xulgados mixtos do partido xudicial de Carballo como solución para reducir o período de espera nos procedementos de familia.