Aumento de contaxios e casos activos na véspera de Noitevella

Un sanitario realiza un test PCR. (Foto: Europa Press)

Os novos positivos detectados ascenden a 441, 180 máis que o día anterior.

Os casos activos de coronavirus na Galiza subiron en 102 na última xornada até alcanzar os 5.625, pero os hospitalizados reducíronse en 10 e suman 337. Os positivos detectados ascenderon a 441, 180 máis que o día anterior.

Segundo o balance de datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade esta cuarta feira, un total de 55 das persoas ingresadas en hospitais galegos atópanse en UCI, unha menos que a xornada anterior.

Respecto da detección de casos, sumáronse 441 novos positivos por coronavirus nun día, o que implica un aumento de 180 en relación á xornada anterior. Mentres, o número de PCR realizadas situouse en 6.448, o que supón unha suba de 2.567.

A Coruña e Cee representa a área sanitaria que rexistra un maior número de novos positivos, 118 -76 máis que o día anterior-; seguida por Santiago de Compostela e O Barbanza, que reportan 103 novos contaxios -49 máis.

A taxa de positividade sitúase, segundo datos solicitados até as 18:00 horas desta terza feira, no 6,5%, o que supón un lixeiro aumento respecto ao día anterior e continúa por riba dese 5% que a OMS sinala como limiar para o control da pandemia.

En relación aos casos activos na Galiza -persoas que seguen diagnosticadas de Covid-19-, a cifra continúa incrementándose e sobe en 102 até os 5.625.

Durante o último día, as áreas co maior número de pacientes con enfermidade activa foron Santiago e O Barbanza, que acumulan 1.373 -37 máis-, e Vigo, que rexistra 1.173 -19 menos-.

Doutra banda, as vítimas mortais que deixou a pandemia desde o seu inicio na Galiza ascenderon a 1.386, seis delas falecidas no último día.