Aumento de ingresos hospitalarios e de contaxios rexistrados levan a Galiza a superar xa os 12.000 casos

(Foto: David Obach / Europa Press)
Os novos contaxios rexistrados de Covid-19, superaron de novo o milleiro ao alcanzar os 1.165 despois de comezar a semana con 975

Os novos contaxios de Covid-19 volveron repuntar por riba do milleiro após o descenso da xornada anterior e ascenden a 1.165 no conxunto de Galiza, así como os hospitalizados, que soben a 149 -nove máis- e os casos activos superan os 12.000. Pola súa banda, a taxa de positividade descende lixeiramente a un 10,9% após principiar a semana cun 13,5%.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da segunda feira, recollidos por Europa Press, aumentan a 128 as persoas ingresadas en unidades convencionais pola Covid-19, nove mais que na xornada anterior, e mantéñense en 21 as que se atopan en UCI. Pola súa banda, 11.888 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en catro do sete: Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra e O Salnés; mentres que descende lixeiramente nas da Coruña e Cee, Lugo e Santiago e Barbanza.

Con respecto a hai sete días, as infeccións activas supoñen máis do dobre

Os casos activos de Covid-19 seguen con tendencia ascendente por vixésimo sétimo día consecutivo e sitúanse en 12.037, que constitúen 951 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (1.165) que altas (213), ao que hai que engadir un falecemento.

Con respecto a hai sete días, as infeccións activas supoñen máis do dobre, posto que o pasado 13 de xullo había 5.684 no conxunto da Galiza. Por áreas sanitarias, os casos activos increméntanse en todas elas, coa de Pontevedra e O Salnés á cabeza (+222), seguida da de Vigo (+217), A Coruña e Cee (+196), Lugo (+116), Santiago e Barbanza (+98), Ourense (+72) e Ferrol (+30).

En canto aos novos contaxios de Covid-19, superaron de novo o milleiro ao alcanzar os 1.165 despois de comezar a semana con 975, o que supón 190 máis que o día pasado.

No conxunto da Galiza foron confirmados 1.008 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), que supoñen 45 máis que lle día anterior, dos cales 227 corresponde á área de Vigo; 217, á de Pontevedra e O Salnés; 207, á da Coruña e Cee; 117, á de Lugo; 109, á de Santiago e Barbanza; 89, á de Ourense; e 42 á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das PCR, redúcese lixeiramente a un 10,9% após se situar as dúas últimas xornadas nun 13%. Por tanto, Galiza segue por riba dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia aumentaron a 2.443 ao notificar Sanidade unha nova vítima esta segunda feira.  En concreto, o último óbito correspondeu a unha muller de 76 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), que presentaba patoloxías previas. Esta morte produciuse o 16 de xullo e foi notificada esta segunda feira