Unha autoemenda do PP rebaixa as contrapartidas eólicas destinadas aos concellos

O PP propón que as eólicas repercutan aos concellos 2,5% dos beneficios e non dos ingresos. (Foto: Antonio Ayuso).
Propietarios de soares eólicos e xestores municipais concordan en que as entidades locais só reciben "migallas" tendo en conta o que facturan as grandes compañías enerxéticas pola produción de electricidade a partir do vento.

O PP vén de introducir na Lei de medidas fiscais e administrativas, coñecida como Lei de acompañamento dos Orzamentos de 2023, unha emenda ao seu propio texto que modifica unha cuestión relativa a proxectos de produción de electricidade a partir da enerxía eólica. 

A autoemenda fai referencia a un dos requisitos estabelecidos pola Xunta da Galiza para declarar unha instalación de enerxía eólica 'iniciativa empresarial prioritaria'. As empresas enerxéticas deberán cumprir algunha destas condicións: xustificar un "compromiso industrial" que supoña a "creación ou consolidación" de 25 postos de traballo directos; contar cun investimento mínimo de 20 millóns de euros; dispor de infraestruturas de evacuación en tramitación ou autorizadas e dun acordo directo de compravenda de enerxía cunha industria galega ou repercutir durante dez anos nos concellos 2,5% dos beneficios da instalación.

É neste punto onde o PP emenda a súa proposta inicial. Muda a redacción e, con ela, o compromiso das enerxéticas de repercutir 2,5% da facturación aos municipios nos que se localicen, a repercutir 2,5% das ganancias.

O cambio rebaixa de forma "drástica" as compensacións, afirma a Nós Diario José Antonio Diéguez, presidente da asociación de Vento Noso. O voceiro dos propietarios de soares eólicos salienta, de entrada, que esta condición non é obrigatoria para que a Xunta declare un parque eólico prioritario. 

Faragullas para os concellos

Con todo, asegura, non é o mesmo 2,5% dos ingresos dun parque que 2,5% dos beneficios. "É unha tomadura de pelo integral. Os parque eólicos contan cun plan de viabilidade que recolle unha estimación dos ingresos e dos gastos en función da produción e do prezo do kilowatt (kW) a 20 anos. E un proxecto destas características comeza a ser viábel no final da súa vía útil".

Se de veras a Xunta busca repercutir os beneficios dos eólicos nos concellos que lles ceda o canon eólico que cobra, non só a terceira parte

A Lei de acompañamento fala de repercutir nos municipios 2,5% dos beneficios durante 10 anos desde a autorización de explotación, "os primeiros, anos de amortización e de pagos nos que as ganancias, de habelas, non son moitas. Ademais, quen fiscaliza as ganancias das enerxéticas? Se de veras a Xunta busca repercutir os beneficios dos eólicos nos concellos que lles ceda o canon eólico que cobra, non só a terceira parte" propón Diéguez.

De se manter como requisito un 2,5% dos ingresos, e de facelo obrigatorio, imaxina o presidente de Vento Noso, "un parque eólico tipo de 5 megawatts (MW) e 3.000 horas de produción anuais suporía un beneficio duns 19.500 euros por aeroxerador", unha cifra, di "bastante suculenta".

Desde Muras, o concello da Galiza con maior concentración de aeroxeradores (381) por habitantes, o seu alcalde, Manuel Requeijo, sinala a autoemenda do PP neste apartado da Lei de acompañamento como proba de que "ao final os concellos o que acaban recibindo da instalación de parques eólicos son migallas. Muras recibe 900.000 euros cando os muíños que xiran a diario no territorio facturan 90 millóns".

"E teño claro que isto tamén vai na liña de contentar os propios alcaldes do PP e frear a gran contestación social fronte a instalación de parques eólicos ao longo do país", conclúe Manuel Requeijo.

Meirama

A Xunta vén de declarar "ambientalmente viábel" o parque eólico de Naturgy na antiga central de Meirama. A proposta final da enerxética consiste na instalación de dez aeroxeradores de 4,45 de potencia nominal unitaria, polo que a potencia total instalada sería de 44,5 MW.