As autoridades recomendan limpar tubaxes, billas e duchas ante o foco de lexionela na Guarda e O Rosal

Auga corrente. (Foto: Nós Diario).

A Xunta da Galiza e os concellos chaman á calma porque a infección, que afectou nove persoas, non se transmite entre persoas

 

A Xunta da Galiza e os concellos da Guarda e O Rosal, no Baixo Miño, distribuíron entre os seus veciños unhas recomendacións sanitarias para mitigar o foco de lexionela que afectou nove persoas até o momento. Todas elas necesitaron ingreso, aínda que tres xa recibiron a alta. Segundo as instrucións, unha maneira de combater as bacterias de lexionela é limpar tubaxes, billas e duchas que poidan estar en mal estado, así como revisar e realizar o mantemento das canalizacións e os quentadores.

Así, a Consellaría de Sanidade suxire cambiar elementos en mal estado, rotos ou oxidados; desmontar e limpar cun cepillo os difusores das duchas e as billas polo menos unha vez ao ano, mergullándoos en lixivia; non apagar os quentadores polas noites e manter a súa temperatura por encima de 60 graos; e abrir de cando en vez as billas para evitar que a auga quede estancada.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, púxose o sábado en contacto cos alcaldes para informarlles deste foco que afectou oito veciños da Garda e a un do Rosal que, en principio, non pertencen a unha mesmo contorna. Até o momento non se puido determinar se hai unha orixe común, xa que a enfermidade non se contaxia entre persoas. Iso si, en días pasados localizouse un foco de lexionela entre veciños de Caminha e Vila Praia de Ancora, localidades fronteirizas de Portugal, tal e como recollen medios de comunicación lusos.

Dentro da investigación ambiental da Xunta, que segue en curso, tomáronse mostras da auga de traída das zonas onde residen as persoas afectadas, así como do domicilio de cinco deles. Polo momento, as probas foron negativas.

A lexionela transmítese por aerosois que se producen, sobre todo, nas duchas. A bacteria crece en auga con temperaturas entre os 20 e os 45 graos, aínda que está presente dunha maneira natural en ríos, lagos, encoros, pozos, depósitos e mananciais. Iso si, non se transmite nin por beber auga nin por inxerir alimentos.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, chama os veciños a "estar atentos, desde a calma", e a ler a información achegada desde a Consellaría de Sanidade e compartida por diferentes canles de comunicación do Concello. Se algunha persoa presenta síntomas, recoméndalle que acuda ao centro de saúde.

"Como Concello creo que é importante que os veciños estean informados, que saiban a cuestión, mais que tamén se tome a consideración que se comunica desde a tranquilidade, para previr que ese foco, que é pequeno, vaia en aumento", explica Fernández.