Autorizada a licitación das obras da estación de Ourense

Estación de Ourense. (Foto: Mitma)
O valor estimado do proxecto ascende a 134 millóns

O Consello de Ministros e Ministras autorizou esta terza feira o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a licitar, a través de Adif Alta Velocidade, as obras de ampliación e remodelación da estación intermodal de Ourense, cun valor estimado de 134,8 millóns de euros. 

Nun comunicado, o Mitma explicou que a actuación "transformará" a estación de Ourense, "triplicando o espazo para as persoas viaxeiras e dotándoa de 11 vías", das cales tres delas estarán destinadas aos trens de alta velocidade. 

A nova estación, engadiu, converterase "nun nó da mobilidade sostíbel e intermodal" na Galiza, para responder ao "incremento do tráfico asociado á liberalización e á modernización da liña de Monforte de Lemos e Lugo". 

O Ministerio sinalou, ademais, que "preservará e porá en valor" o edificio da estación e os seus elementos históricos, como son os murais do vestíbulo, e "promoverá a integración do ferrocarril na cidade e a súa permeabilidade, xerando un novo espazo urbano para os cidadáns e as cidadás". 

A licitación autorízase após a actuación do orzamento de investimento, derivado do incremento rexistrado nalgúns materiais, como é o caso dos prefabricados. Para a súa aprobación, o Consello de Administración de Adif Alta Velocidade procedeu a desistir do proceso de contratación iniciado e a aprobar, suxeita á autorización do Consello de Ministros, unha nova licitación.

Precisamente, o rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, lamentou esta terza feira, 3 de outubro, a decisión do Goberno español de volver licitar o proxecto, unha situación que, dixo, "atrasa a execución" das obras.

Convenio

O proxecto, que xunta estación ferroviaria e terminal de autobuses nun mesmo ámbito, enmárcase no convenio subscrito entre Mitma, Adif Alta Velocidade (Adif AV), a Xunta da Galiza e o Concello de Ourense.

O Ministerio, a través de Adif AV, acometerá a remodelación da estación ferroviaria e a permeabilidade do ferrocarril, mentres que a Xunta desenvolverá e financiará a terminal de autobuses. O Concello, pola súa parte, cederá terreos e realizará as modificacións do plan de ordenación municipal para adaptalo ás actuacións, puntualizou o Executivo español.