A alta velocidade unirá Porto coa Galiza en menos dunha hora: eis os tempos de cada viaxe

Tren luso de alta velocidade. (Foto: Sergei Gussev - CC BY 2.0)
As obras decorrerán en diferentes fases a partir de 2025.
  1. Prazos
  2. Tempos de viaxe

Unha "revolución" do transporte. Así presentou esta cuarta feira o ministro portugués de Infraestruturas, Pedro Nuno Santos, o proxecto de liña ferroviaria de alta velocidade que unirá Lisboa co Porto e posteriormente chegará até Valença, permitindo a conexión coa Galiza.

Prazos

As obras comezarán, no caso de cumprirse as previsións, en 2025, e rematarán contra o ano 2030. O proxecto conta cun investimento total de 4.900 millóns de euros, a distribuír en tres fases diferentes.

Fase 1: Porto-Soure

A primeira fase abrangue o treito ferroviario que une Porto e Soure, e está previsto que a intervención se estenda desde 2025 até 2028. A liña terá paradas en Gaia, Aveiro e Coimbra e deixará a viaxe desde Porto até Lisboa en pouco menos de dúas horas nesta primeira fase —hoxe dura 2 horas e 50 minutos—.

Fase 2: Soure-Carregado e Braga-Valença

A segunda fase, para reformar o trazado entre Soure e Carregado —distrito de Lisboa—, comezaría en 2026. E a mediados dese mesmo ano sería a quenda do treito entre Braga e Valença e máis da conexión da cidade do Porto co aeroporto Francisco Sá Carneiro, tres puntos que contarán con novas estacións de ferrocarril.

Fase 3: Porto-Braga e Carregado-Lisboa

Finalmente, en 2030 arrincarían as obras para vincular o aeroporto coa nova estación de Braga, así como a unión entre Carregado e Lisboa. Deste modo, quedaría rematado o eixo ferroviario Valença-Lisboa por medio da alta velocidade.

Tempos de viaxe

Con estas novas infraestruturas, o Goberno portugués prevé que o percorrido en tren desde Porto até Lisboa fique en 1 hora e 15 minutos, algo que sería posíbel a partir de 2030. Os demais traxectos reducirán tamén os seus tempos de forma notábel.

Tempos de viaxe desde o aeroporto Francisco Sá Carneiro (Porto) coa nova liña de alta velocidade de Portugal.

Vigo-Porto

O traxecto entre o aeroporto Sá Carneiro do Porto e Vigo, que hoxe dura perto de 3 horas e 20 minutos, quedaría inicialmente en 1 hora e 25 minutos, coa posibilidade de reducilo até só 48 minutos cando se completase a conexión no treito que corresponde ao Estado español.

A Coruña-Porto

A viaxe desde a Coruña ao Sá Carneiro diminuiría tamén considerabelmente, pois hoxe o percorrido supera as 6 horas e 34 minutos e pasaría a durar primeiro 3 horas e, de forma definitiva co proxecto rematado tamén na Galiza, 2 horas e 23 minutos.

Compostela-Porto

Desprazarse desde Santiago de Compostela até Porto supón na actualidade un desprazamento de seis horas de duración, mais, coa alta velocidade, ficaría nunhas 2 horas.

Conexión galega con Lisboa

Dado que o treito que une Porto e Lisboa pasaría a durar só 1 hora e 15 minutos, as conexións desde a Galiza coa capital portuguesa reducirían os tempos tamén en gran medida.

Así, e unha vez rematadas as obras da alta velocidade galega para chegar a Portugal, a viaxe Vigo-Lisboa duraría menos de 2 horas e 20 minutos, mentres desde A Coruña serían unhas 3 horas e 40 minutos.