Un avión traerá superviventes e falecidos do 'Argos Xeorxia' esta fin de semana

Foto aérea de Port Stanley, localidade onde están os superviventes (Foto: Tom L. C.).
Superviventes e falecidos do naufraxio do buque palangreiro Argos Xeorxia viaxarán esta fin de semana de regreso ao Estado español. Confirmouno esta quinta feira o delegado do Goberno español, Pedro Blanco, tras o acto institucional de Ofrenda ao Apóstolo en Santiago. O curmán do capitán e portavoz da familia asegura que os superviventes están ben aínda que "mal animicamente".

O Goberno español anunciou que agarda repatriar esta fin de semana aos catorce superviventes e aos falecidos do naufraxio do Argos Xeorxia que ocorreu a pasada terza feira fronte ás Illas Malvinas. Confirmouno o delegado do Goberno, Pedro Blanco, en declaracións aos medios tras asistir esta quinta feira á Ofrenda do Apóstolo  en Santiago de Compostela. Ademais, comunicou que 13 dos 14 superviventes chegaron pasada as 21 horas (hora galega) esta terza feira á illa, onde se lles practicou unha revisión médica e confirmouse que non teñen ningunha lesión de consideración.

Respecto ás causas do suceso, Pedro Blanco mostrábase cauto e remitiuse á investigación, sobre a que espera que lancen "moita luz" os testemuños mais confirmou que non se descarta nada.

Na zona do naufraxio, segundo fontes do Goberno das Illas, desde a pasada cuarta feira quedaba suspendida a busca dos desaparecidos como consecuencia das condicións meteorolóxicas adversas.

Esta quinta feira mesmo, ás 13 horas (hora galega) chegou o último mariñeiro a terra a bordo do pesqueiro galego Robin M. para ser ingresado, como no resto de casos, no Hospital King Edward VII Memorial. Tras as revisións oportunas, os superviventes prestaran declaración ante as autoridades inglesas das Malvinas, que son as que están a cargo da investigación deste suceso. Horas despois chegaba tamén a Port Stanley o Puerto Toro, o barco que trasladou a terra aos oito falecidos restantes do naufraxio.

Esta quinta feira tamén, o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, avanzaba que o  avión militar que procedería á repatriación partiría hoxe con dirección ás illas Malvinas e nel volverían o capitán, José Saborido; o xefe de máquinas, Ramón García; o primeiro oficial, Ramón Home -todos de Ribeira- e o marinense Francisco Gondar, segundo oficial. Tamén regresarán a bióloga albaceteña Amparo Burguillos e o barcelonés Pere Hernández, que se salvaron no accidente. No avión de repatriación, viaxará, ademais, un diplomático da División de Emerxencia Consular para estar en contacto directo con superviventes e autoridades locais

"Mal animicamente" 

O curmán do capitán e portavoz da familia, José Manuel Pena, asegurou, Esta quinta feira en declaracións aos medios, que están todos "ben", máis alá de feridas leves e contusións e, sobre todo, "máis aló do psicolóxico". Confirmou tamén que "permanecen ingresados no Hospital King Edward VII Memorial, onde se lles practicaron exames médicos para comprobar o seu estado de saúde".

O portavoz da familia asegurou que con excepción do capitán, o ribeirense José Saborido, que ten un "pequeno golpe" na cabeza, o resto presenta mazaduras varias, froito de pasar 20 horas nunha balsa ante ondas que superaban os sete metros de altura e ventos de forza 7 que fixeron envorcar a balsa en dúas ocasións, tirándoos a un mar que estaba a tan só 4 graos de temperatura. 

Pontón e Besteiro homenaxearon esta quinta feira aos falecidos no Argos Xeorxia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro, lembraron esta quinta feira, Día da Patria Galega ás vítimas do naufraxio do pesqueiro 'Argos Xeorxia', afundido fronte na costa das Illas Malvinas.

A líder nacionalista aproveitou a súa intervención na manifestación convocada polo BNG en Santiago para celebrar o Día da Patria para enviar as súas condolencias ás familias dos mariñeiros falecidos. "Unha vez máis vemos o dura que é a vida no mar”, afirmou, “queremos que sintan a nosa man tendida, queremos que sintan que estamos con eles porque sabemos que son momentos moi difíciles", agregou. 

O secretario xeral dos socialistas, pola súa parte, comezou a súa intervención tamén con palabras de recordo para os náufragos durante o acto que o seu partido fixo en Rianxo, ante o busto de Castelao. Así mesmo, pediu que se gardase un minuto de silencio en homenaxe aos mariñeiros falecidos. 

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrara a traxedia esta terza feira durante a entrega das Medallas da Galiza que "o corazón dos galegos está nas augas das Malvinas, está cos falecidos no naufraxio e con todos os seus seres queridos, Galicia estará sempre ao seu carón".