Aviranse finalmente CCOO e UGT a convocar folga xeral?

Hoxe celébrase en Madrid unha mobilización contra a política do PP convocada polo denominado “Cumio Social” impulsado polas dúas centrais sindicais españolas. No acto poderían anunciar a convocatoria de folga xeral para a primeira quincena de novembro.

Ás doce da mañá de hoxe terá lugar unha concentración na madrileña Praza de Colón. A mobilización está convocada polo denominado “Cumio Social”, unha plataforma estatal contra a política antisocial do PP impulsada por CCOO e UGT. A finalidade da convocatoria é reclamar a convocatoria dun referendo sobre as reformas adoptadas polo goberno de Rajoy.

Despois de que CCOO e UGT declinaran a proposta da CIG de convocar unha nova xornada de folga xeral para o vindeiro 26 de setembro, rexeitando fixar unha data polo momento, en ámbitos sindicais manéxase a posibilidade de que as centrais estatais aproveiten a mobilización deste sábado –na que intervirán Toxo e Méndez-- para anunciaren a convocatoria de folga na primeira quincena de novembro.

O anuncio, de producirse, sería o corolario ao proceso de mobilización encetado antes do verán, que no noso país se está a desenvolver nun marco de unidade de acción entre as tres principais organizacións sindicais. Pretendería recoller o crecente malestar social contra das políticas de duros recortes emprendida polo Partido Popular.

A convocatoria de folga, demandada polo sindicalismo nacionalista desde hai meses, buscaría dar resposta a novas medidas antisociais resultantes de novos axustes nos orzamentos xerais do Estado do vindeiro ano e dun eventual segundo rescate.