Os Avlo estréanse na Galiza cun atraso de dúas horas

Imaxe de arquivo da estrea do Avlo en Castela-A Mancha (Foto: Europa Press).
Na súa viaxe inaugural o tren de baixo custo de Renfe estivo parado 15 minutos na capital.

Renfe estreou esta segunda feira na Galiza os trens Avlo, a súa marca de  'baixo custo', cunha primeira viaxe que partiu de Vigo antes das 06.00 horas. Se ben este primeiro traxecto tivo unha incidencia técnica que provocou un susto ás persoas usuarias, quedándose parado 14 minutos en Santiago, o que tiña previsto saír ás 17.08 horas de Madrid rexistrou un atraso de perto de dúas horas.

Con chegada prevista para as 20.32 horas, o tren procedente da estación Chamartín-Clara Campoamor, ao feche desta edición prevíase que parase na capital galega ás 23.15 horas. 

A intención de Renfe é que, tras a chegada dos Avril en maio, os Avlo incrementen as prazas a prezo reducido nas vías galegas. Neste sentido, a compañía iniciou a venda de billetes para estes trens o 5 de xullo, acompañados dunha campaña con prezos desde 7 euros para viaxar até o 30 de setembro.

A estrea chega con trens S106 con capacidade para 581 prazas repartidas en 12 coches en filas de 3+2 e, segundo a compañía, incrementará en máis de 8.000 prazas semanais o corredor até Madrid. 

Así, á oferta comercial actual entre a Galiza e Madrid súmanse dous servizos Avlo diarios, un por sentido, que alternarán as súas orixes e destinos entre Vigo-Madrid e A Coruña-Madrid, pasando por Santiago. Estes trens realizarán parada en todas as estacións da liña, incluídas A Gudiña (comarca de Viana), Ourense, Vilagarcía de Arousa (O Salnés) e Pontevedra.

En sentido Madrid-Galiza, haberá un Avlo con saída ás 17.08 horas con destino A Coruña as segundas, terzas, sextas e sábados, con chegada ás 21.04 horas. Con destino Vigo Urzaiz, haberá as terzas, quintas e domingos, con chegada ás 21.37 horas. 

No sentido Galiza-Madrid, o Avlo con orixe na Coruña sairá ás 6.34 horas as terzas, quintas, sábados e domingos, e con orixe Vigo as segundas, cuartas e sextas ás 5.57 horas, con saída desde Santiago ás 7.06 horas e chegada a destino ás 10.32 horas.

O resto da oferta comercial cara a Madrid mantén as súas frecuencias actuais, aínda que con algunha modificación.