A avogada de Santi Mina, antes da vista para decidir o seu ingreso en prisión: "Non ten medo"

Santi Mina accede á Audiencia Provincial de Almería acusado dun delito de agresión sexual en marzo de 2022 (Foto: Europa Press).
A Audiencia de Almería condenouno en primeira instancia a catro anos de cárcere por un delito de abuso sexual e a vista realízase a petición da  acusación particular pola posibilidade que existe risco de fuga.

A avogada do futbolista Santi Mina asegurou esta sexta feira que o seu defendido "non foxe da xustiza" e remarcou que "non ten medo" ante a comparecencia que se decorre a esta hora na Audiencia de Almería para decidir se, como pide a acusación particular, ingresa en prisión tras trasladarse a Arabia Saudita para vestir a camiseta dun equipo da súa liga.

Ás portas do Palacio de Xustiza, Fátima Magdalena Rodríguez compartiu a decisión do tribunal da Sección Terceira de permitir que Mina, condenado a catro anos de prisión en primeira instancia por abuso sexual, declare por videoconferencia, "continuando en Riad, tal e como ten que ser".

Rodríguez trasladou que espera que o seu cliente quede "en liberdade" tras a vista e negou que exista o risco de fuga que alega a acusación particular. "Non hai ningún risco de fuga. Durante cinco anos, Santiago Mina non tivo ningún tipo de medida cautelar, por tanto non se entende por que agora si tería que imporse algunha", dixo.

Sobre o feito de que Arabia Saudita sexa un país sen tratado de extradición co Estado español, a letrada argumentou que é "un personaxe público que está monitorizado”.

Avogado da acusación

Pola súa parte, o avogado da vítima afirmou en declaracións aos xornalistas que non "comparte nada, en absoluto" a decisión adoptada polo tribunal con respecto á comparecencia telemática de Mina, aínda que o ordenamento xurídico "permite esta facultade, que queda a discreción" dos maxistrados.

"Tendo en conta que nin sequera lle fan regresar ao Estado español para decidir se entra ou non en prisión, é un mal indicativo sobre cal é a intencionalidade que ten o tribunal neste caso concreto", subliñou.

Iván Bolaño indicou que foi a decisión "do condenado de irse a Arabia Saudita" a que provocou que a acusación particular solicitase o ingreso en prisión por aumentar o risco de fuga "xa que non fixeramos nada desde abril, cando se coñeceu a sentenza" e remarcou que o país no que agora xoga Mina "non conta con ningún convenio de extradición".

"Quedaría á libre vontade do condenado regresar ao Estado español para entrar en prisión e consideramos que non se produciría en ningunha destas condicións", concluíu.