Pide un recoñecimento médico para comprobar o estado de saúde de 3 internos

Esculca denuncia a violación de dereitos de presos de Teixeiro por non se poder comunicar con eles

Porta do centro penitenciario de Teixeiro

Unha avogada e un avogado de Esculca -Yolanda Ferreiro e Fernando Blanco- desprazáronse a sexta feira ao centro penitenciario de Teixeiro coa intención de se comunicar con tres persoas presas. O encontro non foi posíbel porque un funcionario que se apresentou como mando de incidencias alegou, sen o acreditar por escrito, que os internos non desexaban a comunicación. Os feitos, entenden os letrados, poderían constituír un delito contra o dereito de defensa.

Letrada e letrado alegan que se lles impediu de forma inmotivada a comunicación cos tres presos e que este feito podería ser constitutivo dun delito "cometido por funcionarios contra o dereito de defensa do artigo 537 do Código Penal", polo que rexistaron unha denuncia o sábado 31 de decembro perante o Xulgado de Instrución de Betanzos.

A equipa xurídica de Esculca -Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades- apresentouse a sexta feira 30 de decembro en Teixeiro cos pases expedidos polo Colexio de Avogados de Ourense que os facultaban para comunicar cos presos.

Ao chegar ao centro, segundo afirman Yolanda Ferreiro e Fernando Blanco no texto da súa denuncia, os funcionarios do Departamento de Comunicación dixéronlles que debían agardar a que, en aplicación da instrución 4/2005, os internos ratificasen, através dunha instancia, o seu desexo de ter un encontro con eles. A instancia non chegou e si, en troca, após unha espera de máis de hora e media, un funcionario que se identificou como mando de incidencias. Este indicoulles aos letrados que os internos non querían finalmente comunicar con eles, circunstancia que causou estrañeza nos avogados pois acudiran ao centro expresamente chamados por aqueles. Requerido o funcionario para que apresentase a instancia á que se refere a instrución 4/2005 en que aparecese a negativa dos internos a ter a comunicación, o mando de incidencias tería afirmado que os reclusos manifestaron o seu rechazo á reunión "de viva voz".

Avogada e avogado de Esculca apresentaron unha denuncia o 31 de decembro perante o xulgado de instrución de Betanzos

Na denuncia formulada perante o xulgado de Betanzos -á que tivo acceso Sermos Galiza- fálase tamén da hipótese da comisión dun delito de falsidade en documento oficial. "No canto de nos apresentar a instancia por escrito, o funcionario o que fixo foi escribir nos nosso pases [os documentos expedidos polo Colexio de Avogados de Ourense para poderen acceder á comunicación cos reclusos] unha nota asinada por el en que indicaba que os presos non querían vernos. Mais non aparecían as asinaturas dos internos", afirma en declaracións a Sermos Galiza Yolanda Ferreiro.

Ante a obstrución que impedía o encontro coas persoas presas, a avogada e o avogado puxeron os feitos en coñecimento da decana do colexio de avogados de Ourense, que chamou ao centro penitenciario para instar o mando de incidencias a que permitise que os letrados "comprobasen a negativa a comunicar" dos internos, segundo consta na denuncia interposta perante o xulgado de Betanzos.

De acordo co texto da denuncia, o funcionario "non accedeu á mediación da autoridade colexial sinalando expresamente que os presos eran 'perigosos'".

Fernando Blanco e Yolanda Ferreiro piden na súa denuncia como "dilixencia urxente" que se proceda ao "recoñecimento médico forense" dos internos para comprobar que en ningún caso ningún deles teña sido vítima de maos tratos e desbotar así que a súa condición física fose a causa real de ter sido impedida a comunicación cos avogados.

"Falamos coa nai dun dos presos", afirma Yolanda Ferreiro a Sermos Galiza, "e confirmounos dúas cousas, por un lado, que os internos en ningún momento souberon da nosa presenza na cadea a sexta feira para os ver -polo que malamente podían terse negado a ter a comunicación connosco- e por outro que viu o seu fillo e puido aprezarlle moratóns na cara, sinais de que recebera golpes".

"Falamos coa nai dun dos presos (...) viu o seu fillo e puido aprezarlle moratóns na cara, sinais de que recebera golpes"

Sete días antes, o 23 de decembro, Yolanda Ferreiro visitara con normalidade, no módulo de isolamento, un dos internos cos que non se puido reunir esta sexta feira. Nese encontro o preso teríalle comunicado que "un compañeiro seu" tería sido vítima "dunha malleira" por parte de funcionarios. A raíz desa comunicación, a equipa de xuristas de Esculca programou o encontro cos tres presos -un deles, o que presuntamente foi obxecto de maos tratos.

Os tres presos áchanse en condicións de isolamento, un deles pasou recentemente a un réxime de reclusión aínda máis severo, polo que se puxo en contacto con Esculca por considerar que non existían motivos para receber este castigo penitenciario. 

Cumpre lembrar que, o pasado mes de setembro, o Comité Europeu de Prevención da Tortura (CPT) visitou o centro penitenciario de Teixeiro por se teren formalizado xa diversas denuncias contra esta cadea por maos tratos aos internos.

Precisamente o preso que mantivo un encontro o pasado 23 de decembro coa avogada Yolanda Ferreiro foi entrevistado por membros do CPT durante a súa visita ao penal.