Vivenda

As axudas ao aluguer non chegan a quen as precisan

O Goberno galego só promoveu nove vivendas en réxime de aluguer no ano 2022. (Foto:Nós Diario).

O 15 de xaneiro ábrese a convocatoria de axudas para o aluguer de vivenda para as anualidades de 2024 e 2025. A nova orde representa unha discriminación para os inquilinos e as inquilinas daquelas áreas cos prezos máis elevados. Axel Torres, veciño da Coruña: "Solicitei a axuda ao alugueiro o 28 de xaneiro de 2023, pero non foi até o día 8 de xaneiro de 2024, que me responden para dicirme que non hai cartos e que quedo sen dita axuda"

As bases do programa de axudas para o aluguer de vivenda no período de 2024 e 2025 estabelecen un límite ao prezo da vivenda alugada segundo o seu emprazamento. Nas sete cidades non se poderán solicitar axudas para vivendas que superen os 600 euros de renda mensual, nas vilas e concellos urbanos esta contía cae a 550 euros e no resto da Galiza a 425 euros.

Os limites fixados polo Goberno galego deixan sen eficacia estas axudas naqueles concellos cos prezos da vivenda máis elevados. Así, por exemplo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta da Galiza situaba o prezo medio do aluguer en Vigo no pasado mes de decembro en 611 euros e na Coruña en 618 euros. Nun caso e noutro, a cantidade a pagar está por riba do tope fixado pola Administración galega para acollerse as súas liñas de axuda pública.

A historia repítese nos grandes municipios das área metropolitanas da Coruña e de Vigo e naqueles municipios con máis presión turística da Galiza litoral. Sen ir máis lonxe, en Cambre, nas proximidades da Coruña, o prezo medio do aluguer achégase a 580 euros, marcándose unha contía semellante en Culleredo. Tanto é así, que no primeiro dos municipios non hai ningunha vivenda para alugar nos portais inmobiliarios El Idealista e Fococasa por baixo de 560 euros.

Os municipios onde a cobertura destas axudas é practicamente nula coinciden cos de maior demanda de vivenda en aluguer. Así, por exemplo, a demanda máis elevada de toda Galiza concéntrase en Vigo, con máis de 3.525 solicitantes de vivendas neste réxime á altura do pasado mes de novembro, segundo os datos do Rexistro Único de Demandantes de Vivendas da Galiza.

Un ano de espera

A xestión do programa presenta moitas deficiencias. Neste sentido, o Goberno galego atrásase até un ano en resolver as solicitudes de axuda, denegándoas a ano vencido. Neste caso atópase Axel Torres, veciño da Coruña que denuncia a Nós Diario que “solicitei a axuda ao alugueiro o 28 de xaneiro de 2023, pero non foi até o día 8 de xaneiro de 2024, que me responden para dicirme que non hai cartos e que quedo sen dita axuda”.

A situación de Axel Torres non é unha excepción. A mesma derívase da insuficiencia orzamentaria do programa, ao que o Goberno galego destinou 2,4 millóns de euros nas contas públicas de 2023. Neste sentido, a maior parte das axudas públicas dedicadas a promover ao acceso á vivenda teñen como destinatarias as empresas promotoras, a quen os orzamentos de 2024 achegan en diversas partidas perto de 50 millóns de euros.

A falta de apoio á vivenda en aluguer atende a razóns estruturais. As políticas desenvolvidas pola Xunta desde 2009 evidencian que as mesmas non son unha prioridade para o Partido Popular, até o punto de que en 2022, último ano con datos, só se promoveron nove vivendas nese réxime.