Estás pensando en adoptar un can ou un gato? Abre o prazo para solicitar axudas

A Xunta concede até 150 euros por can e 125 euros por gato adoptado. (Foto: César vía Adobe Stock).
Esta quinta feira, 13 de xuño, abre o prazo para solicitar as axudas dispostas pola Xunta da Galiza para cubrir os gastos de adopción de animais abandonados.

O Goberno galego destinou este ano un orzamento de 125.000 euros para facilitar un fogar a un milleiro de cans e gatos. O Diario Oficial da Galiza publica esta cuarta feira a orde pola que se convocan estas axudas, de até 150 euros, ás persoas que adopten un animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados en todo o territorio co obxectivo de cubrir os primeiros gastos veterinarios e de identificación que teñen que asumir os cidadáns cando deciden dar este paso.

Os importes máximos das axudas quedarán fixados en 150 euros no caso de que o animal adoptado sexa un can e de 125 euros se se trata dun gato, sendo subvencionábeis os custos derivados da identificación mediante microchip, desparasitación, vacinación e esterilización nos que incorrese o centro de recollida, de ser o caso, para garantir o correcto estado hixiénico sanitario das empresas no momento que se lle entregue ao seu novo dono, de acordo cos requisitos que establece a Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

Só centros autorizados

As axudas da Xunta permitirán custear a totalidade dos gastos que tiña que asumir a persoa adoptante, no caso de que o centro de recollida que se ocupaba do coidado e manutención do animal decida repercutirlle eses custos.

Iso si, só poderán acollerse a estas novas axudas aquelas persoas que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados e inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz), 39 na actualidade, e sempre que esta se produza desde a entrada en vigor da orde e antes do 30 de setembro de 2024.

Segundo recolle o DOG, as solicitudes presentaranse preferibelmente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñíbel na sede electrónica da Xunta da Galiza.

Así mesmo, cada solicitante poderá recibir axudas por, como máximo, dous animais de compañía. Ademais, os beneficiarios deberán comprometerse a non transmitir a outra persoa a titularidade do animal que adopten mentres este siga vivo, salvo en casos debidamente xustificados por razóns de enfermidade, incapacidade sobrevinda ou vulnerabilidade económica da persoa adoptante orixinal.

Loita contra o abandono

Esta é a primeira vez que o Goberno galego convoca este tipo de incentivos, cos que se busca animar á cidadanía a ofrecerlle un novo fogar a un animal abandonado a través da concesión de axudas para o fomento das adopcións.

A Xunta destacou que a medida se enmarca nos obxectivos que inspiraron a redacción da Lei de protección e benestar dos animais de compañía, que fixa entre as súas prioridades a erradicación dos malos tratos e o fomento da tenencia responsable entre a cidadanía.