As bágoas de San Lourenzo

A chuvia das Perseidas terá a súa máxima actividade entre hoxe e o día 12 de agosto. (Foto: Europa Press).
Chegan as noites con maior actividade das Perseidas, tamén coñecidas popularmente como Bágoas de San Lourenzo. Entre o 10 ao 12 de agosto, é dicir, hoxe, mañá e pasado, poderase desfrutar dun espectáculo astronómico de gran vistosidade. 

As Perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lourenzo, son unha chuvia de meteoros de alta actividade que sucede de maneira anual durante os meses de xullo e agosto, presentando unha maior actividade o 12 de agosto, é dicir, pasadomañá. Se ben as Perseidas son a terceira chuvia de estrelas de maior importancia ao longo do ano, resultan as máis populares tanto na Galiza como, en xeral, en todo o hemisferio Norte, dado que teñen lugar no mes de agosto, no que o bo tempo e a existencia de vacacións estivais resultan moi apropiadas para o seu desfrute. 

O rexistro máis antigo que se ten deste fenómeno data do ano 36 d. C., nunha documentación chinesa que recollía a existencia dunha gran actividade de meteoros nesas datas; mais non sería até o século XIX cando se confirmaría que dita chuvia se producía de maneira cíclica e cal era a súa causa. Esta actividade de meteoros está orixinada polo cometa 109P/Swift-Tuttle, cuxa órbita se aproxima periodicamente á da Terra e está provocada polo impacto dos fragmentos, a maioría deles moi pequenos, que desprende no seu percurso e que se volatilizan ao entraren en contacto coa atmosfera terrestre.

Foi descuberto por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle o 19 de xullo de 1862. O corpo celeste proxenitor das Perseidas presenta un diámetro de 26 km e a súa órbita arredor do sol ten unha duración de 135 anos. A última vez que se puido ver desde a Terra a simple vista foi no ano 1992, no que se produciu unha extraordinaria intensidade de meteoros que foi progresivamente descendendo até a actualidade. Prevese que no ano 2026 haxa outro pico de actividade.

Mito e relixión

Se ben esta resulta a súa orixe real e científica, as Perseidas tamén contan cunha explicación relixiosa e mitolóxica. A denominación Bágoas de San Lourenzo débese a que hoxe, 10 de agosto, un par de xornadas antes da noite que máis actividade presenta na visualización dos meteoros, é o día de San Lourenzo. A lenda cristiá conta que a chuvia sucede dous días despois da festividade recordando o martirio do santo que foi queimado vivo en Roma.

A historia conta que foron as bágoas de San Lourenzo as que, durante a agonía final, caeron do ceo a modo de estrelas, dando lugar ás Perseidas.

A mitoloxía grega tamén ten unha explicación da chuvia de meteoros, quizais algo máis romántica que a cristiá. Segundo a tradición, as Perseidas homenaxean a constelación de Perseo, unha das 48 descritas por Ptolomeo e lugar desde onde proveñen os meteoros. A lenda conta que Zeus, namorado da ninfa Dánae, tivo que metamorfosearse para poder acceder a ela, e decidiu facelo a modo de chuvia dourada. Daquela noite que pasaran xuntos naceu Perseo; de aí a denominación de Perseidas, que en grego significa ‘fillas de Perseo’.

Onde ver as Perseidas

Na Galiza e no resto do hemisferio Norte, as mellores noites para desfrutar das Perseidas son as do 10, 11 e 12 de agosto, pois é o momento no que a Terra atravesa a zona de maior densidade da estela do cometa. Sempre será necesario, obviamente, que o ceo estea despexado, e axudará en gran medida a ausencia de lúa. Se ben a mellor forma de ver o maior número posíbel de meteoros é con prismáticos ou telescopio, as Bágoas de San Lourenzo son perfectamente visíbeis a simple vista. Nas tres noites citadas, pódense chegar a observar até 60 ou 70 meteoros fugaces cada hora e a comunidade astrónoma asegura que, en certos momentos da madrugada e con moi boa visibilidade, o número pode ascender aos 150. Aínda que son visíbeis na totalidade do firmamento, percíbese unha maior concentración de meteoros sobre o horizonte Norte-Leste.

GCiencia, o blog de xornalismo divulgativo, identifica os dez os mellores lugares para desfrutar das Perseidas na Galiza. Un deles é o Observatorio de Forcarei, que adoita levar a cabo xornadas de portas abertas durante os días de maior actividade; outro, a contorna do faro Punta Nariga, en Malpica, un recuncho moi prezado para as persoas amantes da astronomía dado que non presenta apenas contaminación lumínica; e Chandebrito, no concello de Nigrán. 

Outros lugares idóneos son o Alto de Fontefría, na Cañiza, ou o espazo natural de Pena Trevinca, no concello da Veiga, xa recoñecido como destino Starlight, unha certificación que acredita aqueles lugares que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación, nos que a observación do firmamento se integra no patrimonio natural, paisaxístico, cultural e científico do espazo, fomentando o turismo. Outro destino Starlight é o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes son lugares perfectos desde os cales poder contemplar as Perseidas. 

Divulgación

Outros destinos recomendados son o concello de Guitiriz, concretamente a Área de San Xóan, e tamén Oia, Lobios e o Monte Gaiás, en Santiago de Compostela, onde o observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organiza visitas astronómicas con charlas explicativas sobre o fenómeno. Este verán non será menos; o observatorio está a impartir sesións, nun total de 22 concellos galegos, que comezaron o 15 de xullo e continuarán durante este mes de agosto e tamén setembro. 

As sesións de divulgación astronómica consistirán nunha charla introdutoria que vén seguida de observacións. Durante o evento, o público recibirá información sobre as características físicas dos astros que se observan, sobre mitoloxía e sobre outras cuestións relacionadas.

O director do Observatorio e profesor da USC, José Ángel Docobo, explica que o obxectivo é que as sesións sexan “non só un interesante encontro científico-cultural, senón tamén unha forma de pasalo ben dun modo seguro nas nosas fermosas noites estivais”. Algúns dos concellos que contarán co programa, enmarcado nas iniciativas As estrelas do camiño e Camiños de Estrelas, son Padrón, Teo, Lalín, Noia, Boqueixón, Sanxenxo, O Barco de Valdeorras, Rianxo, Allariz, Santa Comba, O Grove, Monforte de Lemos e Vedra. Para asistir ás sesións, cómpre realizar unha inscrición previa desde a propia páxina da USC, na que tamén se pode atopar unha información completa dos contidos e dos horarios do programa divulgativo.