Baixa o número de contaxios e a presión hospitalaria

Realización de probas do coronavirus en Burela (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)

A Consellería notificou 16 falecementos nas últimas horas, sete deles ocorridos en residencias na residencia Doral de Mos na segunda quincena de novembro.

O número de persoas hospitalizadas na Galiza con Covid-19 descendeu levemente nas últimas horas, ao pasar de 412 a 372; tempo no que tamén baixan o número de novos positivos detectados, que se sitúan en 232 (28 menos).

En concreto, segundo os datos que publica esta terza feira a Consellería de Sanidade actualizados ás 18:00 horas da segunda feira, un total de 322 persoas permanecen ingresadas nas plantas dos hospitais galegas; mentres que nas unidades de coidados intensivos hai 50 pacientes.

Así, a área con máis persoas ingresadas segue sendo a da Coruña e Cee, que ten 104 pacientes con Covid -16 menos- nos seus centros hospitalarios. Deles, baixaron en cinco o número de casos en coidados críticos, até os 17. Tamén descenderon as persoas en planta até as 87 -11 menos-.

Na área de Vigo, hai 68 persoas hospitalizadas, das que 9 están na UCI (dúas menos) e 59 en planta (sete menos); mentres que na área de Pontevedra e O Salnés hai 49 pacientes Covid nos hospitais: 9 están en coidados intensivos (os mesmos que 24 horas antes) e 40 en unidades convencionais (catro menos).

Na área de Santiago e O Barbanza si hai un aumento. Así, hai 57 persoas hospitalizadas. Delas, seis permanecen na UCI (as mesmas) e 51 están ingresadas en planta -seis máis-.

Na de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras hai 36 persoas con Covid-19 nos diferentes hospitais, das que tres seguen na UCI -dúas menos- e 33 están en unidades convencionais -seis menos-. En Ferrol o número de ingresados baixou a 33. En concreto, os casos en UCI baixaron de 8 a 4, e os pacientes en planta sitúanse en 29.

Finalmente, na área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña, baixan de 20 a 23 os pacientes en unidades convencionais de hospitalización. Ademais, dúas persoas permanecen na UCI.

Contaxios

Máis aló dos ingresados, Galiza sumou en 24 horas outros 232 positivos por covid-19, unha baixada de 28 con respecto ao día anterior. As PCR realizadas sitúanse en 5.618 -254 máis que as realizadas hai un día-.

Pola súa banda, a taxa de positividade rexistra esta segunda feira un descenso e sitúase por baixo do 5%, precisamente o límite establecido pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.

No que respecta aos casos activos - a cifra de persoas diagnosticadas da enfermidade-, mantén a súa tendencia á baixa e esta terza feira conta con 5.996 pacientes.

A cifra de mortos que deixa a crise sanitaria na Galiza continúa en aumento e ascende xa a 1.273 despois de que a Consellería notificase 16 falecementos nas últimas horas, sete deles ocorridos en residencias na residencia Doral de Mos na segunda quincena de novembro.