Baixa o prezo da luz, pero aínda así págase 120,85% máis cara que hai un ano

O incremento da factura da electricidade xa provocou numerosas protestas por todo o país. (Foto: CIG)
O prezo medio diario da electricidade descende mañá até 79 euros o megawatt hora (MWh), o que non evita que outubro sexa o mes máis caro da historia.

O prezo medio diario da electricidade no mercado baixa mañá 36,56%, até os 79 euros o megawatt hora (MWh), sendo este prezo o máis baixo rexistrado neste mes de outubro, que aínda así será o máis caro da historia.

Ademais, esta nova cifra supón volver a uns niveis que non se rexistraban desde comezos de agosto, concretamente desde o día 7 dese mes (o último máis baixo, a 65,64€/ MWh).

A pesar de que este sábado baixou tamén 29,18% con respecto ao día anterior, o prezo da electricidade no mercado aínda se atopa nuns niveis moi altos respecto ao resto da serie histórica. En concreto, e en comparación co mesmo día hai un ano, o prezo encareceuse 120,85%.

Así, o prezo media da luz deste mes de outubro fechará con 212,29 euros/ MWh, é dicir, 56,15 euros por enriba da media de setembro (156,14 euros/ MWh), sendo así o mes máis caro da historia até o de agora.

O prezo máis alto este domingo darase entre as 21 e as 22 horas, cando alcanzará os 148 euros/ MWh, mentres que o máis baixo rexistrarase entre as 09.00 horas e as 10.00 horas, cando cotizará a 52,79 euros/ MWh.