Baixan en 21 os casos activos na Galiza, até os 542

Unha única persoa permanece na UCI por coronavirus. (Europa Press)
Os datos actualizados este sábado pola Consellaría de Sanidade fixan en 542 os casos activos de coronavirus na Galiza, 21 menos que na xornada previa. Só unha persoa permanece a esta hora na UCI pola enfermidade. 

O número de persoas recuperadas seguen en aumento e incrementan a cifra total a 10.221, 43 nas últimas 24 horas, segundo o informe de Sanidade, que indica que 26 persoas permanecen aínda en unidades de hospitalización convencional, as mesmas que o día anterior.

Si baixan en 21 as persoas con seguimento no domicilio, que hoxe son 515.

Dos 542 casos activos, 196 corresponden á área sanitaria de Vigo (un máis que o venres), 124 á da Coruña (oito menos), 110 á de  Compostela (catro menos), 49 á de Ourense (dúas menos), 33 á de Lugo (catro menos), 14 á de Ferrol (catro menos) e 16 á de Pontevedra.

Desde o inicio do brote da pandemia, en Galiza producíronse  618 falecementos de pacientes con COVID-19 e hai 10.221 persoas curada.

Até o momento  realizáronse na Galiza 149.242 tests PCR, 1.092 nas últimas 24 horas, segundo a Xunta.