Baixan os casos activos de covid e os ingresos hospitalarios

Realización de probas pola covid en Ourense (Foto Rosa Veiga/ Europa Press).

Os últimos datos facilitados polo Sergas rebaixan en 1.800 as persoas que están a pasar a Covid-19, quedando en 60.307. Pola contra notifica oito falecementos de persoas con coronavirus, con idades entre os 78 e os 94 anos.

As últimas horas reduciuse o número de persoas que están a pasar a Covid-19 na Galiza até as 60.307, unha baixada en 1.800 con respecto ao día anterior. Son os datos que achega a Consellaría de Sanidade con información recollida até as 18 horas desta sexta feira.

En relación á presión hospitalaria notifica 25 persoas ingresadas menos, quedando na actualidade en 643. Aínda así hai un pequeno aumento no número de contaxios, 4.912 infeccións novas por coronavirus, 105 máis que o día inmediatamente anterior.

Porén, non todas as áreas tiveron un aumento dos contaxiados diarios. No caso da Vigo houbo 1.229 novas infeccións, 80 menos que a xornada previa; a de Santiago-Barbanza, con 910 (-9); e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 484 (-5).

Pola contra, subiron na área da Coruña-Cee a 1.017 contaxios (+54); en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, a 484 (+26); en Pontevedra-O Salnés, a 525 (+68); e en Ferrol, a 235 (+23).

Baixan os casos activos

Os casos activos a día de hoxe na Galiza son 60.307, que son 1.834 menos nun día. Esta baixada replicouse nas sete áreas sanitarias.

A que máis pacientes de coronavirus atende é a de Vigo, con 15.724, tras reducirse en 575 nun só día. Séguenlle a da Coruña, con 12.935 (-517), e a de Santiago, con 10.398 (-113).

Tras estas, están a de Pontevedra, con 6.289 casos activos (-215); a de Lugo, con 6.217 (-212); a de Ourense, con 5.915 (-113); e a de Ferrol, con 2.829 (-89).

Segundo os últimos datos ofrecidos polo Ministerio de Sanidade na tarde deste venres, a Galiza conta cunha incidencia acumulada a 14 días de 2.701,43 positivos por cada 100.000 habitantes, por enriba dos 2.299,44 puntos que rexistra todo o Estado español.

Menor presión hospitalaria

Con respecto á presión hospitalaria, a Galiza pasou de 668 pacientes con covid ingresados a 643, o que implica unha baixada de 25. Con todo, subiron en tres, até os 44, os que se atopan en unidades de coidados intensivos (UCI). Outros 599 están en camas de hospitalización convencional, 28 menos.

Por áreas sanitarias, en dúas delas aumentou lixeiramente a presión asistencial. É o caso da de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 103 ingresados (+4), dos que catro están críticos (+1); e a de Pontevedra-O Salnés, con 72 hospitalizados (+1), aínda que se manteñen en seis os que requiren UCI.

Mentres tanto, a cifra de pacientes covid que requiren ingreso mantense na da Coruña-Cee, con 182, aínda que a súa UCI acollen agora tres enfermos máis, até alcanzar os 15.

Así, reducen a presión hospitalaria a área de Santiago-Barbanza, con 97 ingresados (-10), cinco deles en coidados intensivos (sen cambios); a de Vigo, con 79 en total (-4), dos que se manteñen cinco na UCI; a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 70 hospitalizados (-10), sete críticos; e a de Ferrol, con 40 ingresados (-6), deles dous (-1) na UCI.

Oito novos falecementos

Desde o inicio da pandemia 382.765 persoas na Galicia superaron a covid, das que 6.738 recibiron o alta epidemiolóxica na última xornada. Por contra, faleceron co virus 2.969 persoas.

Os últimos oito decesos comunicados polo Sergas, na mañá deste sábado, correspóndense coas áreas de Lugo -unha muller de 88 anos, outra de 94 e un home de 83-, Ourense -dous homes de 87 e unha muller de 94-, Santiago -muller de 78 anos- e A Coruña -home de 90-. Todos contaban con patoloxías previas. Este dato eleva as mortes a 2.969 persoas.