A Galiza anota outro millar de novos contaxios nunha xornada en que baixan as hospitalizacións

UCI do Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Ana Varela / Europa Press)
Os casos activos pasan dos 11.200 e a taxa de positivadade a sete días supera 11%.

A Galiza volveu superar o milleiro de novos contaxios de Covid en 24 horas segundo os datos trasladados pola Consellaría de Sanidade.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa que tras a última actualización o número de casos activos por coronavirus na Galiza é de 11.235, dos cales 1.538 son da área da Coruña, 715 da de Lugo, 2.602 da de Ourense, 1.636 da de Pontevedra, 3.519 da área de Vigo, 756 da de Santiago e 469 da de Ferrol.

Novos contaxios

É o balance que ofrece o último informe epidemiolóxico após a suma de 1.096 novos positivos, 297 máis que hai unha semana. Do total de novos contaxios notificados este sábado, 349 correspóndense á área de Vigo, 214 á de Ourense, 207 á Pontevedra, 145 á da Coruña, 82 á de Santiago, 56 á de Ferrol e 43 á de Lugo.

Así, na última semana, a media de casos novos diarios diagnosticados polo Sergas achégase aos 900. Esta cifra revela un incremento progresivo que tamén se reflicte na indencia acumulada da Covid. Segundo os últimos datos divulgados polo Ministerio de Sanidade, a incidencia da Galiza sitúase nos 365 casos por 100.000 habitantes a 14 días, e en 205 a sete días.

Por grupos de idade, a maior incidencia afecta á poboación menor de 12 anos, con 708 casos a dúas semanas, seguida do grupo de entre 40 e 49 anos, cunha incidencia de 483 casos por 100.000 habitantes.

Presión hospitalaria

Do total de pacientes positivos, 252, oito menos que os rexistrados a xornada anterior, 43 están en UCI, 209 en unidades de hospitalización e 10.983 no domicilio.

Os pacientes ingresados en unidades de críticos subiron en un e baixaron en nove os hospitalizados en planta.

O descenso da presión asistencial nas últimas 24 horas representa un alivio en seis das sete áreas sanitarias. A única excepción é a de Pontevedra, cuxos hospitais rexistran un total de 46 ingresados, tres máis. Vigo mantense á cabeza con 85 ingresados. Ourense ten 59 persoas hospitalizadas con Covid; A Coruña, 23; Santiago, 13; Lugo, 12, e Ferrol, 14.

Desde o inicio da pandemia, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid aumentan a 2.695, ao notificar Sanidade dous novos óbitos.