Baixan todos os indicadores da Covid-19 na Galiza, agás os casos activos

Os casos activos continúan instalados na cifra de 512. (Foto: Arxina).
A taxa de positividade volve caer e xa está en 1,69%, por debaixo dese 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.

Galiza continúa con 512 casos activos de Covid-19, mentres baixan todos os demais indicadores, posto que o país rexistra 36 novos contaxios -un menos que nas últimas 24 horas- e 28 hospitalizados, tamén un menos. Do mesmo modo descende a taxa de positividade, que cae até 1,69%.

Segundo os datos publicados este domingo pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18 horas de onte, mantéñense en cinco as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19, pero baixan a 23 as que se atopan en unidades convencionais, unha menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria só sobe na da Coruña e Cee, que conta cun paciente Covid en UCI e seis noutras unidades. Por contra, descende na de Santiago e Barbanza e Ourense.

Non se rexistran cambios nas áreas de Vigo, cun crítico e cinco hospitalizados en planta; en Pontevedra e O Salnés, cun só paciente en unidades convencionais; e na de Lugo, que continúa cun paciente en UCI e dous en planta; e na de Ferrol, cun en cada caso.

Sen cambios nos casos activos

En canto aos casos activos de Covid-19, estes continúan en 512 no día de hoxe, após sete xornadas consecutivas de aumento en toda Galiza, pois producíronse os mesmos contaxios (36) que altas (36).

Así, as infeccións activas aumentan en tres das sete áreas sanitarias: Ourense (+7), Ferrol (+2), e Lugo (+1), mentres que descenden nas de Vigo (-3), Pontevedra e O Salnés (-2), Santiago e Barbanza (-7) e A Coruña e Cee (-1).

Deste modo, a área da Coruña e Cee mantense como a única que supera o centenar de casos, con 142; seguida da de Ourense, con 106; a de Vigo, con 75; Pontevedra e O Salnés, con 61; Santiago e Barbanza, con 52; Lugo, con 39; e Ferrol segue á cola, con 37.

Baixan os contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 baixan en Galicia a 36 -un menos que nas últimas 24 horas-, desde os 37 da xornada anterior e os 60 da sexta feira.

Por tanto, as persoas contaxiadas na Galiza desde o inicio desta pandemia aumentan a 183.225, das que 43.280 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.783, á de Vigo; 27.085, á de Santiago e Barbanza; 21.879, á de Ourense; 21.512, á de Pontevedra e O Salnés; 20.013, á de Lugo; e 11.673 á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- baixou até 1,69% desde o 1,79% rexistrado nas últimas 24 horas, após o 2,74% marcado a xornada anterior, despois de caer a 0,95% na quinta feira. Iso significa que se mantén moi por debaixo dese 5% que a OMS fixa como limiar para considerar controlada a pandemia.