Baixo o teito da caridade

[Imaxe: Rede galega contra a pobreza]
Este domingo, 25 de novembro, é tamén o Día internacional das persoas sen teito. Na Galiza son xa máis de 2 mil @s que dormen sobre todo nas pedras de Compostela, Ferrol, Vigo, Vilagarcía e A Coruña. Só unha de cada dez persoas está lonxe do risco de ser pobre


Os bancos, tamén os que foron rescatados con diñeiro público, botan da casa unha media de 50 persoas ao día na Galiza. O desemprego de longa duración afecta xa o 7,1% da poboación activa galega. Máis de 70 mil fogares chegan a fin de mes cos cartos de familiares ou amizades. Só unha de cada dez persoas está lonxe do risco de ser pobre.

Todos estes datos, tomados de organizacións como a Rede galega contra a pobreza, axudan a entender por que a traballadora social Pepa Vázquez, que fai parte deste colectivo e de Encontro benestar social, salienta que no noso país a tradución da crise capitalista nun incremento de persoas sen teito "empeza aínda a se notar". Hoxe en día, e segundo as cifras que manexa Cáritas, son xa máis de 2 mil, e dormen sobre todo nas pedras de Compostela, Ferrol, Vigo, Vilagarcía e A Coruña.

As duras "circunstancias da vida"
A pouco máis de 500 metros da turística catedral de Santiago está a dársena de Xoan XXIII, lugar que ocupou titulares na prensa no último ano xacobeo, cando o concello convidou as ao redor de 50 persoas que alí dormen a recolleren os seus cartóns —e os colchóns nos casos máis afortunados— e buscar outro lugar onde se acubillaren da chuvia e do frío.

Na dársena colocaron unha consigna para bicicletas e mochilas de peregrin@s. O trato preferente que reciben @s turistas fronte as persoas que dormen na rúa tamén lle chamou a atención a Andoni. Entrementres facía o Camiño de Santiago desde Euskal Herría "por circunstancias da vida", advertiu que el sempre tiña unha praza nos albergues e nos bancos sempre durmían @s que remataron por ser compañeir@s na dársena e que el bautizou como 'homes de pedra'.

As persoas sen teito son homes nunha porcentaxe moi elevada. Porén, na rúa tamén hai mulleres. Igual que Andoni e que Miguel —de
quen falaremos máis adiante—, foron tamén "as circunstancias da vida" as que colocaron a Rosa debaixo da bota da pobreza. Co primeiro embate da crise capitalista quedou sen traballo remunerado e acabou limpando as escaleiras dun edificio un día por semana.

O desarraigamento familiar chegoulle cando os dous fillos que tiña non quixeron saber nada dela. A billa dos cartos pechara. Por debaixo do gorro de la que lle cobre até os ollos asoman as primeiras bágoas. Di que non lle doe facer memoria, senón non entender por que as mesmas persoas que criou lle deron agora as costas.

Miguel podería entender moi ben o que esta muller conta. "Botei doce anos durmindo no pavillón de deportes de Pontevedra, tapado cun saco". Vai facer os 60 e hai catro pediu axuda aos servizos sociais afectado por unha doenza. Tramitáronlle a Risga —renda de inserción social— e agora vive nun cuarto de alugueiro e colabora con entidades sociais que traballan con persoas sen teito. Imparte cursos de iniciación ao xadrez.

"Eu non son adicto a nada. Porén, compartín con alcólicos, con ionquis, todos viamos como se pinchaban. Moitas veces reprendinos, mais tamén os acompañei. A rúa ensinoume que esta é unha vida que ninguén escolle. Non somos vagos, fáltannos oportunidades". Son @s excluíd@s.

Arañeiras de mulleres
A traballadora social Pepa Vázquez explica por que, a pesar de que a pobreza afecta nomeadamente as mulleres, a poboación d@s sen teito é, maioritariamente, masculina. "Elas tecen as súas redes e gardan mellor os vínculos. Eles son máis impulsivos á hora de coller a porta. Hai outro factor: procuran no traballo doméstico ou na prostitución unha vía de ingresos para subsistiren".

Vázquez fai parte do colectivo Boa vida, que traballa poñendo en común colectivos de persoas que fican á marxe dos circuítos de produción e que a sociedade organizou en nichos —inmigrantes, drogadictos— para "reivindicar unha cidadanía desde a exclusión,
sexas quen sexas". Para alén das vivendas en transición, nos albergues públicos @s sen teito poden pasar uns sete días ao mes. "Hai unha lexislación que a Xunta non cumpre, e acaban xestionados por entidades relixiosas" —Cáritas ou Cruz vermella— que lle fan os deberes á administración cun orzamento case anecdótico.

Con todo, Vázquez salienta que "o que cómpre é un sistema de protección que lles permita a estas persoas recuperarse cando se perderon a si propias", e acrecenta que "os albergues só ofrecen caridade: unha cama polas noites e un prato de sopa nalgúns casos. Mais non resolven o problema. Ocúltano"