O Banco Santander, condenado a pagar 1.100 euros a un cliente por 'phishing'

Oficina do Banco Santander na Coruña. (Foto: Nós Diario).
A senteza, pioneira na Galiza, declara a responsabilidade do banco entendendo que debería contar con sistemas de seguridade capaces de evitar o roubo de códigos de acceso por parte de terceiros.

Unha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 11 da Coruña obriga o Banco Santander a pagar un total de 1.100 euros a un dos seus clientes por fraude bancario derivado de fallas no sistema de seguridade da entidade.

A sentenza, en síntese, declara a responsabilidade do banco como provedor de servizos de pago polas perdas do cliente, entendendo que debería contar con sistemas de seguridade capaces de evitar o roubo de códigos de acceso por parte de terceiros.

Sentenza pioneira

En declaracións a Nós Diario, o avogado do cliente afectado, Ignacio Meizoso, manifesta que "esta é unha das primeiras sentenzas deste tipo na Galiza". Os erros nos sistemas de seguridade por parte de entidades bancarias, sobre todo no banco Santander, é "algo moi común", segundo indica Meizoso.

Para alén diso, destaca que, noutros territorios do Estado, "o Santander chega a acordos extraxudicialmente para pagar aos seus clientes neste tipo de casos, mais na Galiza non o fai.

Aquí a entidade obriga a ir a xuízo, facendo así que as persoas afectadas teñan que gastar diñeiro en avogados e outros gastos derivados de procesos xudiciais".

O cliente ao que o banco Santander ten que pagar os 1.100 euros, foi vítima de phishing, un tipo de fraude consistente na captación ilícita de datos persoais principalmente relacionados con claves para o acceso a servizos bancarios e financeiros.

A técnica do phishing utiliza o correo electrónico para pórse en contacto cos usuarios, utilizando mensaxes que imitan, case á perfección, o formato, linguaxe e a imaxe das entidades bancarias.