Bandeiras e escudos da Galiza enchen de cor e reivindicación Ourense

Desfile de bandeiras e escudos en Ourense (Imaxe: XMP)

O colectivo Estreleira congregou en Ourense varios centos de persoas no I Desfile da República Galega, que decorreu na cidade de Ourense. O acto lembrou a proclamación da República Galega de 1931.

O desfile, con catro bandeiras xigantes, partiu na mañá do domingo da ponte romana para recalar máis tarde no xardín de Posío, após atravesar a zona vella da cidade.

Gaiteiras e gaiteiros e a treboada portuguesa de Amarante cos bombos animou a ruada, na que estiveron presentes enseñas de organizacións históricas, como a do Partido Galeguista, a das Irmandades da Fala, a Unión do Povo Galego ou do PSG, pasando pola de movementos como o Nunca Máis.

Estruturado en tres bloques, o acto foi convocado para homenaxear “a historia, a terra e a loita” e contou con 51 brasóns de todas as bisbarras galegas, deseñados por Elena Penas co asesoramento do investigador Héitor Picallo, autor da publicación de Sermos Galiza S.A. O escudo do Reino da Galiza.

O desfile finalizou no xardín onde “Otero Pedraio pronunciou o primeiro discurso en galego da posguerra”, lembran desde a organización, “em 1949, neste mesmo lugar, Otero Pedraio tivo a valentia de dar o primeiro discurso público em galego da posguerra no Posio, no centenário de Lamas Carvajal, causando a fúria dos falangistas, e do governador civil presentes no acto”.

A bandeira sueva.

A actriz Isabel Risco, que conduciu o acto, deu paso a Xosé Lois ‘O Carrabouxo’, colaborador de Nós Diario, que debuxou ao vivo unha obra conmemorativa do desfile.

Por último, o grupo de teatro amador do CS Faísca representou a proclamación da República de 1931, pois con este acto, o Projeto Estreleira conmemorou a República Galega de xuño de 1933, así como a vitoria no referendo do Estatuto de 1936.

A organización destacou que a deste domingo foi a primeira vez na historia do galeguismo que os emblemas locais protagonizan un acto nacionalista.