DENUNCIA DE ADEGA

Baralla: eliminar a protección a un espazo natural para autorizar unha canteira

Lugar onde se quer facer a canteira

Ambientalistas inciden na riqueza da parroquia de Vale: afloramentos calcáreos, importantes especies botánicas, hábitats de interese comunitario...

 

O Concello de Baralla quer eliminar a protección dun espazo natural da parroquia de Vale para abrir así as portas a autorizar unha canteira, unhas explotacións que proliferan neste municipio lucense. Eis a denuncia de Adega, que presentou alegacións perante a Consellería de Medio Ambiente ao expediente promovido polo Concello. Adega afirma que descoñece se a Xunta tivo en consideración tales alegacións e critica a actitude do concello de Baralla “por velar máis polo interese particular dunha empresa mineira que polo interese xeral de conservación dun espazo natural”.

“Adega lembra que o concello de Baralla aprobou recentemente outra modificación para poder ampliar a área de afectación doutra canteira pola que acabou sendo destruíndo o castro de Sixirei”

Aasociación Ecolóxica para a Defensa da Galiza presentou un informe técnico no que se resaltan os valores e recursos naturais merecedores de protección e o potencial cultural da zona afectada, situada nas proximidades do núcleo rural de Vale, na cabeceira do Rego das Fontes, afluente do Neira. A singularidade da zona na que se quere explotar a canteira radica, afirman, na existencia de afloramentos calcarios moi escasos en Galiza (supoñen o 0,52 % da superficie galega-) que determinan a presenza de especies botánicas escasas e de importancia como Acinos aplinus, Anthyllis vulneraria, Erinus alpinus, Ceterach offi, Geranium sanguineum ou sanguisorba minor.

Na área afectada tamén se atopan varios hábitats de interese comunitario recoñecidos pola Directiva Europea de Hábitats 92/43/CEE, e a posibilidade da existencia de hábitats de interese prioritario no fondo do vale, na ribeira do río. O informe tamén destaca a presenza de cavidades naturais, onde se poderían refuxiar animais protexidos, como varias especies de morcegos, e a hipotética existencia –en tanto non se fagan as investigacións oportunas- de restos arqueolóxicos ou paleontolóxicos, como xa se teñen descuberto en época recente noutras covas da mesma área xeográfica (Valdavara –Becerreá-, Eirós -Triacastela-, etc.).

A canteira proxectada tamén terá repercusións negativas para a veciñanza de Vale, advirten desde o colectivo, pois implicará a circulación de camións da empresa minería polo camiño que atravesa o núcleo, e a carón dun regueiro e dalgunhas formacións de castiñeiros centenarios .