Sanidade pública

O Barbanza suspende as protestas sanitarias até setembro tras recibir "un balón de oxíxeno"

Veciñanza, persoal sanitario e membros da corporación muncipal de Ribeira ás portas do centro de saúde da localidade. (Foto: Nós Diario).
Esta sexta feira, tras dous meses de mobilizacións, a veciñanza do Barbanza volveu arroupar o persoal sanitario da Atención Primaria para reclamar máis recursos e unha mellor cobertura sanitaria.

A plataforma en defensa da sanidade pública da comarca do Barbanza convocou esta sexta feira, por décima semana consecutiva, protestas nos principais centros de saúde da comarca para reclamar unha solución efectiva á falta estrutural de recursos que atravesa o servizo de Atención Primaria.

Contra o mediodía, persoal dos  centros de saúde de Ribeira, Palmeira, Boiro, Rianxo e Porto do Son concentráronse para demandar persoal substituto de longa duración que garanta a cobertura das prazas vacantes por baixas e vacacións que permita unha mellor asistencia sanitaria da poboación local máis das persoas veraneantes que nos meses de estío incrementan a presión sobre os recursos sanitarios dispoñíbeis na comarca.

A traballadora social do centro de saúde de Ribeira foi a encargada de ler un comunicado que abriu cunha mensaxe dirixida a toda a veciñanza: "Todas estas mobilizacións fanse polo ben da poboación, porque non estaba ben entendida. Isto é para a defensa da sanidade pública", recalcou.

Tras dous meses de concentracións, co apoio da veciñanza e da corporación municipal, dixo, a sanidade local recibiu "un balón de oxíxeno para manter con vida un servizo que estaba en situación terminal". O traslado de persoal médico doutras áreas e a achega de médicos residentes ás consultas permite "un mínimo de dignidade" durante dous meses, polo que anunciou un alto nas mobilizacións, até setembro, á espera de solución definitivas por parte da Xerencia de Santiago e O Barbanza que a semana pasada visitou o centro de saúde de Ribeira, onde se comprometeu a estudar medidas duradeiras que garantan a mellor cobertura sanitaria.

Porto do Son

En Porto do Son, sinalan desde a plataforma en defensa da sanidade pública do Barbanza, "o problema é a pediatría". Neste momento as nenas e nenos de Porto do Son, Lousame e Outes de até 3 anos de idade van a Noia pasar consulta cunha especialistas. A partir dos 4 anos, a súa médica de referencia é a de familia.

"E para complicado aínda máis, o persoal de servizos xerais non poden citar directamente as crianzas no pediatra de Noia, ten que facelo a enfermeira do Son. É a enfermeira quen decide se envía ou non ao pediatra as nenas e nenos, co agravante de que para a semana marcha de vacacións e vai ser substituída por unha enfermeira sen experiencia previa en pediatría, aínda que digan outra cousa", censuran.