O 'Handala' parte da Coruña rumbo a Cascais na súa travesía cara Gaza

Os galegos Juan Teixeira e Bieito Lobeira, a bordo do 'Handala'. (Foto: Nós Diario)
Juan Teixeira e Bieito Lobeira embarcan neste buque da Flotilla da Liberdade que busca axitar as conciencias sobre o xenocidio de Israel.

Malia que estaba previsto que o barco Handala zarpase da Galiza este domingo, problemas "técnicos e burocráticos" atrasaron a saída rumbo a Lisboa até esta segunda feira, segundo informan desde a Flotilla da Liberdade. Este imprevisto, afirman, "non é un caso illado", posto que xa noutros portos houbo complicacións para obter os permisos. No porto da Coruña, din, houbo un problema "moi serio" o pasado día 27, pois o Handala tivo que estar fondeado varias horas por non recibir o permiso para atracar.

Finalmente,  grazas a xestións políticas, atracou no porto de Oza.  Desde o Comité Galego de benvida á Flotilla estudan esta situación e o ex deputado no Parlamento galego Bieito Lobeira, embarcado no navío, comentou os problemas en varias entrevistas concedidas, entre outros, a Nós Diario. Tamén Juan Teixeira, fotógrafo documental e xornalista, subiu a bordo do Handala.

Durante os tres días de parada na cidade da Coruña, unha comisión formada por integrantes da tripulación do Handala e representantes do Comité Galego de Benvida á Flotilla tiveron unha intensa axenda visitas institucionais. Na sexta feira fixeron unha visita institucional ao Parlamento da Galiza, onde foron recibidos polo seu presidente, Miguel Ángel Santalices, e as representantes da Mesa do Parlamento, "aínda que posteriormente o propio presidente non quixo facer pública esta recepción nin facer fotografías".

Si puideron ter un encontro posterior coa prensa na sala do BNG no Parlamento e un posterior encontro para poder falar da súa misión e obxectivos nesta ruta rumbo a Gaza. Lembran que a misión do Handala e dos barcos da Flotilla non é so levar axuda humanitaria a Gaza, senón "denunciar o bloqueo en Gaza, o xenocidio do pobo palestino e pedir ás nosas representantes políticas que garantan a seguridade da súa travesía e promovan accións de denuncia e sancións ao Estado criminal de Israel".

A xornada do día 28 deixou "moi bo recordo". A Flotilla reuniuse con representantes da Asociación Galaico-Árabe Jenin e, posteriormente, foi recibida no Concello de Santiago de Compostela pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e representantes da corporación municipal. A tripulación saíu ao balcón, engalanado para a ocasión coa bandeira palestina. Rematou a xornada co mesmo espíritu de solidariedade e apoio cunha recepción no Centro Cultural da Fábrica de Oleiros co alcalde, Ángel García Seoane, e representantes da corporación municipal, e coa posterior 'Gala artística' dirixida por Cándido Pazó, coa intervención do cantautor Felix Arias e da artista palestina Rana Hamida, integrante da tripulación do Handala.

Ao día seguinte, na Coruña, foron recibidos na Deputación da Coruña polo vicepresidente, Xosé Regueira, e deputadas do BNG, onde as representantes da Flotilla reiteraron a súa chamada á "responsabilidade política na defensa e apoio a esta misión humanitaria e accións firmes de denuncia e sancións a Israel". Desde a Deputación, a comisión saíu cara á sede da Universidade da Coruña, onde foi recibida por unha comisión formada por representantes da equipa reitoral, profesorado, grupos de traballo na UDC por Palestina e representantes do estudantado.

Durante esta recepción presentaron ás representantes do Handala o manifesto da UDC por Palestina, texto que, entre outros puntos, pon en valor a defensa dos dereitos humanos e o rexeitamento ás agresións altamente violentas, e estabelece compromisos de bloqueo de colaboración con institucións israelís. Rematou esta visita na tarde cunha 'Gala solidaria' nos Xardíns de Méndez Núñez organizada por Pallasos en Rebeldía, presentada por Isa Risco e Iván Prado, na que participaron numerosas artistas e poetas galegas.

E esta mesma segunda feira, o buque Handala continuará rumbo a Gaza con paradas nos portos de Cascais e Málaga para continuar a súa ruta polo Mediterráneo e prevista a súa chegada ás costas de Gaza o vindeiro mes de agosto.