O barrio de Coia cóllese da man polos dereitos sociais

Cadea humana en Coia [Imaxes: Axluar // ODS-Coia]

Unha multitudinaria cadea humana percorreu as rúas do barrio vigués de Coia para exixir un maior "investimento social" nos Orzamentos da Xunta e o Concello de Vigo. 

 

Convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia e o Grupo de Axitación Social da Parroquia Cristo da Vitoria, centos de persoas botáronse á rúa este domingo (15 de decembro) para denunciaren o desleixo da Xunta e do Concello de Vigo coas familias que en risco de exclusión social.

Xa sobardan as 600.000 persoas as que no noso país se atopan baixo o limiar da pobreza "mentres unhas poucas acumulan a riqueza de todas de modo insultante", denuncian no manifesto ao que se deu leitura ao remate da acción. 

Face esta situación, desde ODS-Coia e o GAS exixiron que as contas públicas para o ano 2014 se poñan "ao servizo das persoas" en troca de destinaren as grandes partidas "a compañías aéreas ou grandes empresas construtoras". 

@s participantes na cadea humana reivindicaron os Orzamentos como "un mecanismo importante para corrixir as desigualdades e distribuír a riqueza" mais denunciaron que os gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Abel Caballero prefiran destinar "os cartos de todas" a "portos exteriores" ou "a Cidade da Cultura" en troca de os dirixiren a "a cubrir as necesidades básicas" da cidadanía. 

Aliás, desde a Oficina de Dereitos Sociais criticaron as declaracións da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, quen asegurou que a partida orzamentaria destinada á RISGA --Renda de inserción social galega-- permitirá "que ningún galego nen ningunha galega estean a pasar fame na nosa comunidade".

Desde Coia lembraron a Beatriz Mato que o seu goberno "supera os tempos de agarda" estipulados pola lexislación na concesión desta axuda "chegando aos 8 e 9 meses de agarda" para o seu cobro. Así mesmo, recordáronlle que a contía da prestación non chega aos 400 euros ao mes por unidade familiar, unha axuda que na maior parte dos casos resulta insuficiente para persoas que viven "situacións de emerxencia social". 

A cadea humana que encheu o barrio de Coia urxiu ás administracións galega e local a por os orzamentos ao servizo das persoas "porque é urxente", din, "dar unha resposta inmediata" mais tamén, concluíron, "é de xustiza, respectar os dereitos sociais".