Denuncia de Adega

Batida contra o lobo en Friol: uso de foguetes, presenza de menores e cunha única peza abatida, un can

Adega afirma que a única peza abatida na batida contra o lobo de Friol é un can. Imaxe: Adega

Denúnciao Adega, que cualifica de “chafallada” o acontecido esta fin de semana no concello lucense con autorización da Xunta.  

Esta fin de semana decorreu en Friol unha batida contra o lobo autorizada pola Xunta. Segundo denuncia Adega, que pedira a denegación desta actividade, a batida foi un cúmulo de ilegalidades (presenza de menores e o uso de foguetes), que finalizou cun único "trofeo" abatido: un can. Os ambientalistas afirman que consultaron diversos expertos e o que nas fotos se amosa como un lobo é un can.

A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza afirma que o “esperpento” vai ter unha segunda parte, pois o concello de Friol vai solicitar unha nova batida "ao non cumprirse o obxectivo da primeira".

Adega lembra que a propia norma que regulamenta o manexo do lobo en Galiza condiciona os "controis da poboación" á comprobación da eficacia dos protocolos e medidas preventivas. A prevención vén mostrándose, afirma,  coma o método máis efectivo para reducir os ataques de lobo á gandería.  “Por iso cando os gandeiros solicitan e a Xunta autoriza inxustificadamente batidas de lobo, o que está fallando é todo o modelo de xestión”.