Belén Gavín: "Hai que darlle a voz á muller do ámbito rural. Ten unha voz estupenda e sabe o que necesita"

A psicóloga Belén Gavín Bermúdez é unha das organizadoras da escola de empoderamento EspadELA (Foto: David Pérez).
Belén Gavín é psicóloga especializada na intervención educativa, psicosocial e comunitaria desde un enfoque sistémico e de xénero. Forma parte da cooperativa Arabías xunto a Tania Merelas, Beatriz López e Juanjo Lorenzo. Este mes, coa mellora da situación pandémica, reiniciarán nas localidades de Sobrado, Teixeiro e Curtis, a escola de empoderamento feminista de mulleres do rural que leva por nome EspadELA.

-Que é Arabías?

É unha cooperativa galega de traballo asociado sen ánimo de lucro que nace en 2018. Comezou con Tania Merelas e Beatriz López e eu incorporeime o ano pasado. Somos un equipo interdisciplinar que vai desde o mundo das ciencias da educación até a psicoloxía pasando polas ciencias políticas. Desde unha perspectiva feminista deseñamos e dinamizamos procesos para a transformación social co obxectivo de contribuír ao avance da igualdade na sociedade e tamén erradicar as violencias machistas.

-E o proxecto EspadELA?

É un proxecto propio. Consiste nunha escola de empoderamento para mulleres do rural que nace da necesidade de crear espazos propios de encontro nos que as mulleres do rural poidan aprender e compartir de maneira conxunta. Ao final é tentar sacar un tempo propio para as mulleres no que estabelecer eses vínculos que ás veces son complicados no rural pola distancia física, polo illamento no que se vive. Conseguir o empoderamento individual traballando de maneira comunitaria. 

Cada ano imos a tres concellos e a escola vai medrando. Introducimos un obradoiro para traballar a autoestima, a participación, o liderado e a prevención das violencias machistas. Tamén queremos que coñezan as novas tecnoloxías e poñer en común os saberes das mulleres. Procuramos recompilar a historia, o traballo das nosas devanceiras e saber que fixeron as nosas nais e avoas que logo gardamos e poñemos en valor. Por último tratamos o autocoidado a nivel emocional. Conseguimos estabelecer unha comunicación moi horizontal e tecer redes.

-Que situacións relacionadas coa autoestima hai nas mulleres do rural?

Están asociadas ao propio mundo rural. Viven en territorios que son vulnerados de diferente maneira e esa situación trasládase ás súas propias vidas. O illamento, moitas veces non ter esa rede comunitaria, mulleres que non están participando da comunidade,... pola contra hai que están organizadas en asociacións.

A autoestima é un tema moi complexo de abordar e entendemos que traballando de maneira comunitaria en contacto de outras é a maneira de chegar ao máis persoal. Achegámonos a realidades como a violencia machista e traballamos a prevención. No rural hai poucos servizos, poucos medios e poucas actividades.  

-Que lle interesa á muller do rural?  

É moi diverso. O que nos interesa a todas é a nosa historia de vida, as mulleres que nos antecederon e poñer en valor todo ese eido privado. Algo en común que teñen é a soidade. Todas as redes comunitarias variaron. A soidade é algo que está moi presente na historia de todas elas e máis con esta situación de pandemia. As fillas e os fillos marcharon e teñen que facerse cargo das persoas maiores na súa casa, todo o que ten que ver cos coidados. Non deberían asumir todas as cargas en algo tan central como son os coidados que teñen que ver con poñer a vida no centro. 

-De que maneira influirá a pandemia na muller rural?  

A pandemia puxo enriba da mesa problemas que xa estaban aí e levounos a un nivel que ninguén imaxinaba. Nunha situación de crise ou de conflito entre as cousas máis importantes que temos é o apoio das nosas redes afectivas e estas agora víronse cortadas. Pensa que moitas teñen máis de 50 anos e a fenda dixital está presente. Vemos a necesidade de ventilar emocionalmente e de falar. No rural o illamento é algo que xa existía. Hai que darlle a voz á muller do rural. Ten unha voz estupenda e sabe o que necesita.