Os bens galegos incluídos polo seu deterioro en listas vermellas duplícanse en menos dun lustro

Pazo / Casa Grande. Cabana de Bergantiños. Imaxe: Patrimonio Galego

Ducias de bens precisan unha intervención urxente para evitar a súa destrución ou desaparición. En menos de cinco anos duplicáronse os bens incluídos en listaxes vermellas debido ao seu deterioro.

As listas vermellas elaboradas por asociacións e colectivos de defensa do patrimonio de Galiza continúan a engordar. Listaxes nas que se inclúen bens e elementos do patrimonio que están en grave risco de degradación, deterioro ou desaparición. Unha 'comisión científica' integrada por especialistas na materia é quen elabora esta lista en base a criterios como a importancia histórica e arquitectónica do ben ou o estado no que se encontra. Hai dúas listas que destacan, a de Patrimonio Galego (que supera xa os 10.000 bens catalogados) e o de Hispania Nostra.


Hispania Nostra naceu hai 40 anos para defender e poñer en valor o patrimonio do Estado español desde a sociedade civil. En 2007 impulsou a coñecida como 'Lista vermella do patrimonio'. En 2014 integraban esa listaxe 12 bens galegos, un número que aumentaba a 18 a mediados de 2016 e que agora, a comezos de 2017, está xa na vintena. A estas alturas de 2019, xa son 33 os bens que figuran nela, o duplo que no seu inicio. O Mosteiro de Oia foi o último en entrar a formar parte deste triste ránking ao estar “en risco alto por abandono”.


A Torre de Taboi, en Outeiro de Rei, a basílica de Santa Mariña de Augasantas, a Torre Fortaleza de Sarria ou o sanatorio de Cesuras (estilo modernista) son algúns dos elementos sobre os que HN advirte do risco no que se atopan. A lista é máis grande: o Forno dos Mouros (Dolmen de Moruxosa) ou o Mosterio deSanta María de Monfero tamén están aquí.

 

Protección

 

Máis completa e traballada é aínda a lista vermella (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles en estado de abandono ou risco) que fai Patrimonio Galego, que leva catalogados máis de 10.000 bens culturais por todo o país. Na súa lista vermella figuran 117 tesouros do noso pasado “en perigo inminente”. De conventos a cruceiros, pasando por pontes, igrexas ou círculos líticos, diversos elementos integran esta lista de Patrimonio Galego, que di que “está formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”.

 

O Convento de Montecubeiro (Castroverde), a Ponte Cabirta (Bugallido-Ames), o Círculo Lítico de Castrotión (Oca-A Estrada) ou a Igrexa de Santo Estevo de Pardollán (Rubiá) son só catro exemplos de bens patrimoniais galegos que figuran na ‘lista vermella’ elaborada por ‘Patrimonio Galego’. A principios de 2015 figuraban nesa lista por volta de 40 elementos. Agora son 117.