Betanzos solicita a intervención da Xunta para retirar as ocas que "atacan a veciñanza"

Ocas paseando polo centro de Betanzos. (Foto: Concello de Betanzos)
Os animais, algúns domésticos, habitan na contorna do paseo da Galera.

O Concello de Betanzos (comarca das Mariñas) vén de solicitar a intervención de Patrimonio Natural da Xunta da Galiza para que se faga cargo da retirada, traslado e recolocación de varios grupos de ocas que xeran "problemas de salubridade" e que mesmo "atacan" as veciñas e veciños.

Os animais, algúns domésticos, habitan na contorna do paseo da Galera e "atacan" desde hai semanas tanto as persoas residentes desta zona como as que transitan pola Avenida do Carregal.

Segundo un comunicado do Concello, nesta contorna próxima ao río Mendo existe unha proliferación de gansos, patos, e, de maneira especial, ocas que "xeran problemas de salubridade porque deixan sucias as beirarrúas e as entradas aos portais cos seus excrementos". Tamén ocasionan problemas de seguridade viaria, afirma, ao invadiren a calzada e os accesos aos garaxes.

Ademais, os animais en varias ocasións "atacaron as veciñas e veciños" cando tentaban entrar nas súas vivendas ou, simplemente, paseaban perto delas. Por iso, o Concello solicita a presenza de axentes de medio ambiente para que determinen e concreten as accións a levar a cabo coas ocas, xa que se considera que as hai tanto de orixe doméstica como salvaxes.

Segundo persoal técnico consultado polo Goberno local, a solución pasaría por retirar os animais e trasladalos a un centro de protección ou a un hábitat non urbano.