'Bicicletada' e roteiro contra os eólicos en Ferrol

O coordenadora local Vento Mareiro convoca unha actividade contra os eólicos en Ferrol. (Foto: Foi polo vento)

Unha mobilización partirá este sábado 15 de xullo da estación de servizo das Pías

Convocada pola coordenadora local “Vento mareiro”, este sábado 15 de xullo terá lugar en Ferrol unha 'bicicletada' e un roteiro contra a invasión eólica. En bicicleta, calquera vehículo de mobilidade persoal ou camiñando, o colectivo ecoloxista convidan a toda a veciñanza a sumarse á marcha que partirá ás 19h desde a estación de servizo das Pías. A chegada ao punto final, o Peirao de Curuxeiras, está prevista cara as 20h. O acto finalizará con intervencións poéticas e musicais.

De xeito diferenciado, esta mobilización procurará ademais “destacar o impacto da proliferación destas estruturas industriais non só nos nosos montes, senón tamén nas costas galegas, remarcando a súa afección no sector pesqueiro”.

Desde Vento Mareiro recordan que o polígono industrial Nordés, actualmente en tramitación e promovido pola empresa estadounidense Blue Float Energy, está proxectado a tan só 30 km de Ferrol e 15 km de Cedeira, Pantín e cabo Ortegal, sendo visíbel tamén desde lugares como Valdoviño, San Andrés de Teixido ou Ponzos.

“O Nordés impactaría no Corredor Atlántico de migración de aves, un dos máis importantes do mundo, podendo afectar máis dun millón de aves”, sinalan. Ademais, os tensores e as ancoraxes das plataformas da eólica mariña impiden o tránsito de barcos e artes de pesca.

“Estes mesmos sistemas obstaculizan e poden ferir grandes cetáceos, que xunto a toda a fauna mariña sufrirán o efecto dos campos electromagnéticos das liñas subacuáticas de evacuación eléctrica”, afirma o colectivo. Estas liñas, unha vez toquen terra, sumaranse ás redes de alta e moi alta tensión que farán corredores de até 100m de ancho, e que “tronzarán aldeas, leiras e paisaxe”.

Ferrol, a cuarta cidade galega que se ergue contra a depredación enerxética

O 25 de setembro do 2022 na Coruña, o 22 de xaneiro do 2023 en Vigo e o pasado 25 de maio en Lugo, tres manifestacións nacionais, precedidas de diversos actos de sensibilización e denuncia, demandaron a paralización de tódolos polígonos eólicos actualmente en tramitación, así como un plan público de redeseño do consumo enerxético “con perspectiva decrecentista, garantindo a soberanía enerxética do pobo galego en base a comunidades de enerxías renovábeis combinadas co obxectivo de limitar o impacto destas instalacións, protexer a propiedade social dos bens comúns e impedir a súa privatización”.

O vindeiro mes de outubro, a cidade de Ferrol acollerá a cuarta manifestación “O pobo galego unido contra a depredación enerxética. As cidades e o rural xuntas contra o capital”. Ao igual que en anteriores convocatorias, previamente terán lugar distintos eventos reivindicativos, dando inicio aos mesmos a bicicletada-roteiro que terá lugar este sábado 15 de xullo.