Medio Ambiente

A clonación permite rescatar exemplares dos mellores castiñeiros galegos

O biólogo doutor en Biodiversidade e Conservación do Medio Natural pola USC, Ricardo Castro Camba. (Foto: Nós Diario)

Ricardo Castro Camba destaca a rendibilidade de árbores autóctonas fronte ao eucalipto.

A Misión Biolóxica da Galiza (MBG) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está a traballar na clonación in vitro dos mellores exemplares de castiñeiros do país. O biólogo doutor en Biodiversidade e Conservación do Medio Natural pola USC, Ricardo Castro Camba é un dos investigadores que leva a cabo este traballo. Explica en conversa con Nós Diario que “ata agora facíanse inxertos pero agora adicámonos á clonación, escollemos no monte unha árbore cunhas características que nos apetece reproducir, extraemos un par de polas e clonamos no laboratorio”.

Segundo este biólogo estradense, “traballamos con árbores do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras”, de xeito que logo do proceso de clonación nos laboratorios da MBG  “podemos ter centos ou milleiros de exemplares iguais”. A escolla destas árbores e a súya reproducción in vitro non vai ampliar o actual Catálogo, Ricardo Castro explica que “moitas veces o valor das árbores é pola ubicación que teñen ou polo seu valor cultural”. As árbores senlleiras deste Catálogo chegaron a ter tal consideración “por determinadas características como que era moi alta, ou daba moito froito..”.

Ricardo Castro destaca que os castiñeiros que están a clonar no CSIC “non van estar no Catálogo pero si van poder beneficiar aos productores pola súa capacidade de producir froito ou en xeral a nivel cultural”. 

Un exemplo da importancia deste traballo que levan a cabo os biólogos galegos do CSIC deuse en Vedra (Comarca de Santiago). Segundo explica Castro Camba “tiñan o carballo das mentiras, moi famoso, tan importante como para saír en cantigas e contos tradicionais”.

Tal era a importancia desta árbore en Vedra que ao seu arredor se facían todas as festas e mesmo se habilitou perto del un aparcamento para estes eventos. Precisamente esa actividade provocou que “presionaron as raíces e matárono”. O papel da MBG foi clonar ese carballo das mentiras “para que non se perdese o sentimento”.

Castiñeiros rendíbeis

O traballo que estes biólogos están a facer nos laboratorios da MBG está a dar os seus froitos. Segundo Ricardo Castro “a situación actual do castiñeiro na Galiza é mellor do que era”, destaca que “ultimamente hai máis concienciación sobre o tema do eucalipto e hai máis xente que está plantando outro tipo de especies nos montes, en concreto o castiñeiro”. Ademáis de ser unha especie autóctona, Ricardo Castro destaca que as plantacións de castiñeiros “teñen unha rendibilidade económica por vía dobre: polo froito e pola madeira”. De feito, sinala a Nós Diario que é agora mesmo das especies autóctonas con mellor acollida e potencial.

“Hai outras especies autóctonas, coma os ameneiros, sen rendibilidade económica. O castiñeiro ten esa vantaxe”. O que din as cifras a nivel estatal, segundo Castro Camba, é que “hai máis hectáreas de castiñeiro plantadas pero o número de castañas que se recollen non aumenta tanto coma o número de hectáreas”. Explica que esto acontece porque “as variedades que se plantan son pouco productivas a nivel de froito e sí a nivel de madeira”.

Algo que este doutor en Bioloxía ten analizado na súa tese “Mecanismos reguladores da competencia para a rexeneración de raíces adventicias en especies leñosas”. Normalmente se compran mellorados para unha das dúas características (froito ou madeira).

Segundo sinala Ricardo Castro “son actividades económicas que moitas veces non se complementan como deberían. Quen o quere para madeira despreza o froito, e quen o quere para o froito dalle igual a madeira porque non o vai cortar”. En todo caso, arredor desta actividade económica do monte galego, Castro Camba advirte que “existe a trampa de decir que promovemos plantacións forestais para fixar poboación no rural. Os montes están cheos de eucaliptos, que son plantacións forestais, e non fixan poboación”.

Preguntado por si existe na Galiza unha política forestal axeitada, Ricardo Castro dí que “hai máis sensibilidade por parte da xente que da Xunta”. Pon coma exemplo a amenaza da eucaliptización co Proxecto Gama en Palas de Rei “xa ves o que lle importa á Xunta o tema da eucaliptización no asunto de Altri”. A respecto afirma que “está moi ben que nas obras da Xunta planten 10 ameneiros, pero si a cambio fomentas que a xente vexa coma única alternativa plantar eucaliptos, non promoves pero é a única solución que deixas”.