Biólogos láianse de que medio ambiente non entre no curriculo educativo
O Colexio Oficial de Biólogos da Galiza lamentou a "oportunidade perdida" por parte da Consellaría de Educación para introducir o medio ambiente como un obxectivo educativo na ESO e no Bacharelato.
O colexio presentou tres propostas ao proceso aberto por Educación para ampliar as materias optativas en secundaria e bacharelato.
Unha para 4º de ESO, denominada 'Desenvolvemento sostíbel', e outras dúas para 2º de Bacharelato, tituladas 'Patrimonio Natural galego' e 'Steam: Laboratorio'.
O obxectivo era, segundo recolle un comunicado, "abordar aspectos emerxentes" dos obxectivos de desenvolvemento sostíbel, mellorar o coñecemento do patrimonio natural e fomentar as materias STEM "no punto de vista práctico".
Críticas do Colexio
O colexio criticou que as súas propostas non se tivesen en conta por parte da Consellaría nas novas optativas que se ofertarán o próximo curso, anunciadas polo conselleiro do ramo, Román Rodríguez.
Para a entidade, trátase dunha "oportunidade perdida" para "recuperar horas e contidos de ciencias" e, así mesmo, cre que a decisión "condena ao alumnado a non ser capaz de analizar, con pensamento crítico, todas as noticias de actualidade relacionadas co cambio climático, sanidade ambiental, pandemias ou seca".
Tamén censura que se rexeite a materia que permitiría ao alumnado profundar na conservación de patrimonio natural da Galiza, segundo recalcou o colexio, que considera que a situación é "especialmente grave" ao ter a consideración de "transversais" coñecementos como "o respecto e conservación do medio natural".