O BNG chama a participar na manifestación en defensa da sanidade pública deste domingo en Compostela

Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela o pasado 14 de novembro de 2021. (Foto: Arxina)
Nunha rolda de prensa decorrida na sede comarcal do Bloque en Pontevedra, Montse Prado detallou o "proceso prolongado de precariedade da sanidade pública galega" que a volveu definir como unha "voadura controlada".

A portavoz do BNG no Parlamento da Galiza, Montse Prado, chamou os cidadáns da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés para participar na manifestación convocada para este domingo 12 de febreiro en Santiago de Compostela pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Nunha rolda de prensa decorrida na sede comarcal do Bloque en Pontevedra, Montse Prado detallou o "proceso prolongado de precariedade da sanidade pública galega" que a volveu definir como unha "voadura controlada".

Así, en concreto, referiuse á "deterioración" da Atención Primaria, "con até 2.339 millóns de euros que se deixaron de investir neste eido desde 2009". Por iso cre necesario saír ás rúas de Compostela para exixir unha "rectificación" e unhas medidas para "salvar" a Atención Primaria.

A portavoz nacionalista en materia sanitaria exixiu ao Goberno do Partido Popular a “mellora da calidade da sanidade pública ante a precariedade laboral, os PAC sen persoal especializado, urxencias saturadas, centros sen atención pediátrica" xa que, esta situación, segundo sinalou, supón un "prezo" significativo como o "aumento de complicacións en procesos crónicos, o atraso na detección de moitas enfermidades, diagnósticos tardíos con consecuencias letais e a falta de seguimento das crianzas".

Para o BNG, esta situación está a conseguir "un descenso da confianza na sanidade pública e un aumento da preferencia pola sanidade privada", unha "estratexia" da que culpa o PP.

Por último, Prado referiuse ao Sistema de Monitorización da Mortalidade Diaria (MoMo), dependente do Goberno español, que sinala no seu último informe que Galiza "rexistrou o ano pasado un exceso de mortalidade que se saldou con 3.350 mortos, mentres que en 2020, en plena pandemia do coronavirus, o exceso de persoas falecidas foi de 1.400".

"Evidentemente, o Partido Popular ten que explicar por que cre que isto está a pasar", dixo a portavoz sanitaria do BNG, que preguntou "se ten algo que ver coa falta de resolución do sistema sanitario".

Lugo

Tamén en Lugo, o BNG chamou os veciños para participar na mobilización do próximo domingo, que sairá ás 12 horas da Alameda compostelá. Así, o portavoz do BNG na cidade, Rubén Arroxo, afirmou que os galegos necesitan "un sistema público de saúde reforzado e sen precariedade e non un sistema que nos deixa máis dunha década de gobernos do PP".

"Cómpre dotar o sistema público de saúde con máis recursos, tanto materiais como humanos, especialmente na Atención Primaria, que está a pasar por unha profunda crise", remarcou.