Sanidade

O BNG denuncia que case un millón de galegos están fóra dos tempos máximos de atención de ambulancias

A deputada do BNG, Montse Pardo, en rolda de prensa (Foto: Europa Press).
A deputada do Bloque, Montse Prado urxe a Xunta ao rescate do transporte sanitario. Demanda que se elabore un estudo que analice as necesidades de dimensionamento e cantos recursos son necesarios para o conxunto da poboación.

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado alerta de que un total de 966.000 galegos de 229 municipios están fóra dos tempos máximos de atención de ambulancias medicalizadas, que o Sergas fixa en 20 minutos. Denuncia que "a poboación da Galiza non ten igualdade de oportunidades ante unha emerxencia" e "está vendida".

En rolda de prensa, a deputada nacionalista referiuse aos últimos informes "demoledores" do Consello de Contas que revelan estes datos relativos a 2021. Así, avisa de que a 137 municipios nin sequera chegou unha ambulancia medicalizada, con "comarcas enteiras" sen este servizo. E dentro dos concellos nos cales se prestou algunha atención -176 dos 313- o tempo medio de asistencia sitúase en 31 minutos e 21 segundos, fóra do tope de 20 minutos.

Pero o feito é que 76 concellos están mesmo por riba desa media de 31 minutos. Aquí, citou os casos máis acusados, tales como Mesía, cunha espera dunha hora e 13 minutos. Seguido de Monterroso e Ourol (unha hora), así como A Fonsagrada, Folgoso do Courel e Dumbría (case unha hora).

No tocante ás ambulancias de soporte vital básico -non levan médico nin enfermeiros- os tempos máximos están fixados en 15 minutos, pero 592.000 persoas de 198 municipios sofren unha espera maior.

Estas cifras arroxan a diferenza "entre a vida e a morte" en función de onde viva un cidadán galego, reflexiona Prado, cunha gran diferenza que pode ser vital nos tempos de resposta ao sufrir un ictus, un infarto ou un accidente.

Por todo iso, a deputada do Bloque urxe á Xunta ao rescate do transporte sanitario. Demanda que se elabore un estudo que analice as necesidades de dimensionamento e cantos recursos son necesarios para o conxunto da poboación, dado que hai millares de galegos que "non teñen acceso a unha ambulancia medicalizada aínda que a necesiten". Chama aproveitar que o concurso actual deixa de estar en vigor en outubro para un cambio de modelo, pois avisa do "escurantismo" dos novos pregos.

Listas de espera

Así mesmo, Prado apunta que os informes de Contas "evidencian" os 14 anos de "voadura programada" por parte do PP da sanidade pública. Resalta a altísima temporalidade do persoal do Sergas, 45% é eventual, cun "aumento de 14%" en 2021 fronte a anos precedentes.

Igualmente, reproba que o "aproveitou a pandemia para rebaixar a calidade asistencial", pois a atención telefónica pasou de 11% en 2019 a 55% en 2021.

Advirte de que os tempos de espera increméntanse "de forma xeneralizada" en 2021 respecto de 2019: 42% en cirurxía, 36% en consultas e 41% en probas diagnosticas. No entanto, lembra que nos últimos datos coñecidos de feche de 2022 obsérvase que hai 245.000 persoas esperando por unha primeira consulta e 46.000 agardando por unha intervención cirúrxica.

Paralelamente, a deputada nacionalista referiuse a outros problemas que se viven actualmente: o centro de saúde de Salvaterra sen médico, demoras de máis de 20 horas no Montecelo ou urxencias de Marín colapsadas.

"Alfombra vermella" á privatización

Prado tamén puxo o foco acerca de que en 2021 aumentou 7% o gasto na derivación do Sergas a centros privados, á vez que "se persiste na falta de transparencia e opacidade" de como se xestiona o diñeiro, cunha "parte importante" de contratación "a dedo" e unha utilización "espuria" do uso permanente de contratos menores sen concorrencia competitiva .

A preguntas da prensa polo ‘plus’ concedido pola Consellaría de Sanidade aos médicos que compatibilizan a sanidade pública e a privada, Prado recrimina que a Xunta "pon en risco a saúde dos galegos mentres pon alfombra vermella a sanidade privada".

Lembra que a patronal da sanidade privada queixouse de que necesitaba máis facultativos, polo que acusa o Goberno galego de traballar para os seus intereses. Non cre que poida haber unha prestación sanitaria "de calidade" nestas condicións, con profesionais sen o descanso necesario, e defende que "hai que premiar aos que dedican o seu esforzo á pública".