O BNG esixe da Xunta "medidas" contra o mal que asola o bovino

Varias vacas de leite nunha granxa da parroquia de Piñeiro en Xermade (Terra Chá). (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Crise da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demandou á Xunta da Galiza que tome "medidas urxentes" ante o incremento de casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no bovino galego, unha infección vírica transmitida por mosquitos que se propaga coa calor. Así o expresou a deputada Sonia Vidal, quen acusou o Partido Popular (PP) de "estar ausente ante a impotencia das gandeiras".

"Levamos meses advertindo de que a enfermidade ía incrementarse co aumento das temperaturas, e a súa resposta foi unicamente pedir ao Estado unha estratexia e un protocolo común", comentou Vidal.

Na mesma liña, tamén engadiu que "falta moita información" sobre a infección, e que son "as asociacións de gandeiras e as veterinarias as que están a facer un traballo que lle correspondería á Consellería do Medio Rural".

En contraposición, a deputada anunciou as dúas medidas que propón o seu partido, co obxectivo de paliar unha situación de "máxima prioridade e urxencia". Serían, por unha parte, reclamar que a Xunta "modifique e actualice" a orde que xa ten aberta para que as afectadas poidan adscribirse á convocatoria de axudas que o Ministerio de Agricultura vai emitir co propósito de liquidar os danos. E, pola outra, unha iniciativa, xa rexistrada, para dedicar unha partida a indemnizar aqueles casos que fosen vítimas da doenza, pois estas "non só poden ser para as mortes", xa que deben contemplar "outros aspectos como a medicación ou a consulta veterinaria".

A maiores, o BNG recordou que a Enfermidade Hemorrágica Epizoótica non é o único mal dun sector lácteo que tamén padece "a renovación dos contratos de Leite Río por baixo dos 40 céntimos e a negativa da empresa Lactalis de recoller leite a gandeiras de distintas comarcas".

O Sindicato Labrego Galego, en alerta

Na mesma liña, o Sindicato Labrego Galego (SLG) lanzou tamén unha alerta por mor do aumento de casos de EHE nas granxas de vacún de leite e carne.

"A enfermidade supón grandes perdas económicas polos animais que morren e polos custosos tratamentos que hai que administrarlles", polo cal esixen de Medio Rural que lexisle "para cubrir 100% dos gastos veterinarios, até o último céntimo".