O BNG exixe a axilización dos traballos para solucionar o derrubamento da A-6 en Becerreá

Desprendemento na A-6.
"Os traballos empezaron case unha semana despois do corremento de terras que invadiu os dous carrís en dirección A Coruña e non temos data de cando vai estar operativa a vía", reprocha o deputado do BNG ao ministerio.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu ao Ministerio de Transportes que axilice os traballos de limpeza de entullos no lugar do derrube de terra rexistrado en Becerreá e garanta a operatividade da A-6 canto antes.

Nun comunicado remitido aos medios, o parlamentario nacionalista critica o atraso no inicio dos labores de limpeza dunha autovía "fundamental" para a conexión da Galiza coa Meseta.

"Os traballos empezaron case unha semana despois do corremento de terras que invadiu os dous carrís en dirección A Coruña e non temos data de cando vai estar operativa a vía", reprocha o deputado do BNG ao ministerio.

"Vía básica"

Neste sentido, preguntou a que se debe esta demora nas actuacións nunha "vía básica" para as comunicacións do transporte de mercadorías e que permanece fechada á altura do derrube o que, segundo indicou, "está a causar importantes problemas de circulación".

Para Rego, este novo incidente na A-6 que se suma ao derrube dos viadutos do Castro require "maior celeridade" por parte do departamento estatal. "Esperabamos unha actuación urxente e non unha espera dunha semana que, sen dúbida, vai atrasar a apertura da vía nesta zona", dixo.

O deputado quere que o departamento ministerial concrete cando vai estar operativa a A-6 na zona e apela á necesidade de levar a cabo un plan de revisión dos noiros ao seu paso pola área da montaña de Lugo.

Ademais, Rego pon sobre a mesa a necesidade de contar cun protocolo de actuación áxil fronte a este tipo de situacións.