BNG pede a comparecencia de Feijóo no pleno do Parlamento e a demisión do director da CRTVG

Imaxe dunha reunión da Executiva do BNG

Cimeira da Executiva Nacional para analisar a gravísima situación producida no país por volta da vaga de lumes. A formación frontista vai pedir que Feijóo compareza de urxencia esta terza feira no Pleno do Parlamento para informar sobre o ocorrido.

A prioridade é neste momento apagar os lumes e atender as vítimas, defende o BNG, mais iso non debe un ser un cheque en branco para non criticar a xestión da Xunta. Para o Bloque, o país estes días está a sofrer unha situación de "desamparo".

 

Ana Pontón compareceu perante os meios após unha reunión extraordinaria da Executiva Nacional do Bloque e cualificou os acontecimentos de "catástrofe que deixa un balanzo aterrador".

 

A líder nacionalista combinou dúas mensaxes. A primeira, a de pór o BNG a "disposición da Galiza" no combate aos lumes. A segunda, a de pedir responsabilidades políticas ao executivo galego. Nesa dirección vai a demanda de Feijóo comparecer esta terza feira no Pleno do Parlamento galego.

 

Pontón salientou que o pasado mes de xullo ofereceu un pacto de país ao goberno galego en relación á política anti-incendios, sen obter resposta, e puxo en destaque que a formación nacionalista advertiu na pasada sexta feira dos riscos que defrontaba o país ao terse desmantelado o dispositivo anti-incendios no epílogo do verán.

 

A portavoz nacional da formación frontista tivo tamén palabras de encoraxamento para o labor dos brigadistas. "Sabemos que traballan nunha situación de precariedade e queremos mandarlles todo o noso alento", ao tempo que louvou o "povo da Galiza" por se ter auto-organizado no combate contra as lapas. "É un orgullo ver un país con esa capacidade de superación e non desfalecer mesmo pensando que estaba só, sen un estado [o español] nen un goberno [o galego]."

 

Pontón uníuse á petición do comité de empresa e pediu a demisión de Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG. "Claramente nengún galego podía acompañar [a situación] polos meios públicos", dixo após denunciar que durante horas a TVG mantivo a programación intocada, a priorizar o fútebol e unha serie de ficción á información ao vivo sobre a catástrofe que asolaba o país.