Modificación orzamentaria

O BNG propón un investimento urxente de 223 millóns para resolver a crise das urxencias

Doentes nos corredores

Para Ana Pontón, é a queda nos recursos destinados á atención primaria o que se acha tras o desbordamento das urxencias, un fenómeno de tal envergadura que até foi recoñecido por Feijóo.

Unha inxección orzamental urxente de 223 millóns de euros para comezar a recuperar o nível de investimento sanitario previo á chegada de Feijóo á Xunta (2009). Esta é a proposta que esta segunda feira fixo en conferencia de imprensa a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. As urxencias non se ven ultrapasadas polo pico da gripe, senón porque os recortes en políticas sanitarias decretados polo goberno PP deixaron moi tocado o servizo público de saúde, argumenta a formación nacionalista.

 

"Feijóo compórtase como un cínico cando admite colapsos en urxencias, pero ignora que se deben aos recortes do PP en sanidade", afirmou a dirixente soberanista, quen afeou o presidente da Xunta a súa proposta de incrementar o número de camas por cuarto en planta: "O que resulta indigno, unha falta de respeito coas persoas doentes é a resposta de Feijóo con ocorrencias como propoñer amorear os pacientes nas habitacións, como se fosen caixas de sardiñas".

 

De acordo coas estimacións do BNG, desde 2009 -ano da chegada de Feijóo a Monte Pío- a sanidade pública galega perdeu un total de 3.000 profisionais en tanto que o desinvestimento acumulado en atención primaria acada xa os 2 mil millóns de euros. En 2009 a atención primaria (chave para que non se cronifiquen as enfermidades e para evitar ingresos en urxencias) dispuña dun orzamento de 1.437 millóns de euros, en tanto que nas contas de 2018 esa cantidade desceu até 1.214.

 

Retirada da contra-reforma da Lei de Saúde

 

As propostas do BNG para resolver a crise das urxencias e relanzar a sanidade público pasarían tamén pola retirada da "contrarreforma" da Lei de Saúde e pola implementación dun Plano para a Atención Primaria que, pormenorizou Pontón, debería recoller no mínimo cinco medidas concretas:

  • Incrementar o número de profisionais para que cada facultativo teña que prestar servizo no máximo a 1.250 tarxetas sanitarias.
  • Mellorar os equipamentos dos centros sanitarios.
  • Suprimir as limitacións ás probas diagnósticas.
  • Cubrir 100 por 100 das baixas do persoal sanitario.
  • Pór en marcha un proceso de formación que se adapte ás necesidades do SERGAS e que teña en consideración que 53 por cento das medicas e dos médicos superan os 55 anos.

 

Apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

 

Alén do plano das propostas para vehiculizar no Parlamento, o BNG pide tamén a activación de todo o músculo social partidario do fortalecimento dos servizos públicos. E nese sentido Pontón chamou a dar un apoio masivo á convocatoria dunha manifestación nacional por parte da Plataforma SOS Sanidade Pública para o próximo 4 de febreiro.