O BOE publica o proxecto definitivo do dragado da ría do Burgo, cun prazo de 26 meses

Ría do Burgo (Imaxe: Ministerio para a Transición Ecolóxica).
O proxecto leva meses estancado a conta das diferenzas entre a Xunta da Galiza e a Administración estatal.

O proxecto do dragado da ría do Burgo leva anos estancado entre os tirapuxas da Xunta da Galiza e da Administración estatal.

Onte, o Boletín Oficial do Estado recolleu o proxecto definitivo da obra cun orzamento de 50 millóns de euros.

O delegado do Goberno estatal, Javier Losada, destacou o "avance" que supón este anuncio que tamén outorga acceso público ao informe final do proxecto.

Por resolución do 11 de setembro de 2017 da secretaría de Estado de Medio Ambiente formulouse a declaración de impacto ambiental do proxecto.

Este foi posteriormente modificado para adaptarse ás alegacións aceptadas e aos condicionantes de dita declaración.

O BOE indica que o prazo de execución do dragado abrangue 26 meses. O delegado do Goberno estatal insistiu en que a actual lexislatura "vai ser a da rexeneración da ría do Burgo".