Bombeiros alertan do aumento de incendios en vivendas e apelan a medidas preventivas

Incendio nunha casa deshabitada no barrio da Cheda, en Lugo. (Foto: Europa Press)
"Se hai un incendio no bloque de vivendas e na escaleira vemos fume, non saiamos á escaleira", salienta Gabriel Muñoz.

Expertos participantes nunha Xornada de Prevención e Extinción de Incendios en Edificios de Vivendas alertaron esta terza feira do aumento dos mesmos e apelaron a adoptar medidas preventivas no fogar. Foi nun encontro organizado polo Colexio Oficial de Administradores de Predios da Galiza, a Fundación Mapfre e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), enmarcado no convenio de colaboración recentemente subscrito entre as devanditas entidades orientado a informar e formar na prevención de incendios.

No encontro participou o director xerente da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros, Gabriel Muñoz, quen, en declaracións á axencia Europa Press, asegurou que en 2022 se bateu o "récord" nas cifras de falecidos, cun total de 235, en incendios, dos cales 176 foron en vivendas.

Para reducir estas cifras, Gabriel Muñoz apelou á prevención ao estar detrás dos mesmos, entre outras razóns, causas eléctricas; braseiros, principalmente no rural, e chemineas non protexidas, pero tamén baterías de patinetes ou de teléfonos móbiles, así como tixolas no lume.

Neste caso, incidiu en que "nunca" se debe botar auga e que o que hai que facer é apoiar "con tranquilidade" unha tapa metálica ou senón un pano humedecido e escorrido.

"Se hai un incendio no bloque —de vivendas— e na escaleira vemos fume, non saiamos á escaleira", recalcou, para incidir en que o caso de València, con varias vítimas mortais, foi un "incendio único" e que debe seguirse a anterior recomendación.

No caso das baterías, aconsella non cargalas de noite e facelo apoiadas nunha soa regleta, "non nunha regleta conectada a outra regleta", e apoiada en lugares que non poidan prender lume, como é o caso de teas ou un sofá. Tamén incidiu na importancia de fechar as portas para evitar que o lume se estenda de orixinarse o mesmo.