Saen ilesos os ocupantes dun vehículo incendiado en Lugo: "Estaba conducindo e comezou a arder"

O vehículo que ardeu esta madrugada na rúa lucense de Serra de Meira. (Foto: Europa Press)
O coche quedou totalmente destruído após este aparatoso incidente.

Un vehículo ardeu en chamas na madrugada desta cuarta feira na rúa Serra de Meira da cidade de Lugo, quedando atravesado nunha rotonda. Todos os ocupantes do turismo, con todo, lograron saír ilesos do accidente.

Segundo trasladou a Policía Local de Lugo a través dun comunicado, recibiron o aviso de que un coche estaba a arder en Serra de Meira contra a 1h desta pasada madrugada, de maneira que unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía desprazouse até o lugar.

Após ter constancia dos feitos, unha dotación do Servizo de Bombeiros tivo que proceder a extinguir o incendio e os axentes da Policía Local víronse obrigados a cortar o tráfico neste lugar.

Os axentes sinalaron que o condutor identificado manifestou após o incidente que "cando circulaba con normalidade co vehículo comezou a incendiarse" e que, debido a isto, "saíron rapidamente" do coche.

Así, indicaron que, após a extinción do fogo, os Bombeiros puideron comprobar que o vehículo "quedara totalmente destruído", pola exposición ás chamas.